O proxecto de dragaxe do río Lérez en Pontevedra segue pendente da autorización do Ministerio para a Transición Ecolóxica (MITECO) para poder avanzar na súa execución, segundo confirmou este venres o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, durante a súa comparecencia na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia. Na súa intervención, Álvarez explicou que o organismo portuario remitiu hai dous meses ao Ministerio o informe do CEDEX que sinala as posibles zonas de vertedura para o material que se extraia, sendo prioritaria a que foi clausurada no ano 2021. Este trámite resulta "imprescindible" para que Portos poida iniciar a tramitación ambiental das obras, explicou. O responsable do ente portuario destacou que, tras catro campañas de caracterización dos áridos realizadas nos anos 2009, 2016, 2020 e 2024, todos os materiais analizados son de categoría A e B, "é dicir, non contaminados", aínda que aclarou que "isto non quere dicir que non existan concentracións dalgúns metais pesados, pero son moi baixas". O presidente de Portos de Galicia, José Antonio ÁlvarezXunta de Galicia Pola súa parte, os deputados socialistas Paloma Castro Rey e Carlos López Font presentaron unha pregunta parlamentaria na que reclaman ampliar a zona de dragaxe ata a ponte dos Tirantes. Segundo o PSOE, que leva unha década reclamando esta actuación, "os atrasos fixeron que a zona situada entre as pontes das Correntes e os Tirantes permaneza chea de lameira e fango a un nivel que se pode atravesar a pé cando baixa a marea". Os socialistas defenden que esta ampliación axudaría a "renaturalizar esta zona do río próxima ao centro urbano, mellorar a súa biodiversidade e posibilitar a práctica deportiva", ademais de beneficiar ao sector marisqueiro e á actividade turística. Fronte a esta petición, Álvarez subliñou que o proxecto actual xa contempla "a dragaxe de maior envergadura de todas as tramitadas polo ente público", que abrangue un tramo de 3,2 quilómetros entre a bocana da canle de acceso á cidade dende a ría ata o Club Naval. Calquera ampliación fóra destes límites requiriría "novos estudios batimétricos, novas caracterizacións do material e unha nova análise dos posibles efectos ambientais", concluíu o presidente de Portos de Galicia. Paloma Castro e Carlos López FontPSdeG-PSOE