Liña Conecta Rural. É o nome que recibiu o sistema piloto que promove a Deputación de Pontevedra para implantar un servizo gratuíto de transporte público en autobús que vertebre o interior da provincia. Probarase inicialmente nos concellos de Campo Lameiro, Moraña e Portas. O presidente provincial, Luis López, acompañado dos alcaldes dos tres concellos, deu a coñecer este martes os detalles dun proxecto valorado en máis de medio millón de euros para implantar dúas liñas de transporte por estrada nestes municipios. Esta iniciativa, que logrou captar fondos do Ministerio para a Transición Ecolóxica, estará en vigor durante ano e medio e incorporará actividades relacionadas coa conectividade. "Falamos dunha ferramenta útil e necesaria que busca facilitar a vida aos veciños destes concellos e achegar os mellores servizos ao rural co obxectivo de dotar de autonomía e independencia ás persoas que enchen de vida as nosas parroquias", explicou López. O seu desenvolvemento constará de cinco fases. A primeira, que está xa en fase de tramitación, consiste na elaboración dun estudo meticuloso para optimizar as liñas máis acaídas para estes tres concellos, prestando especial atención ás conexións cos centros sanitarios. Presentación do proxecto Liña Conecta RuralDeputación de Pontevedra - Rafa Estévez O seguinte paso será o da contratación do servizo de transporte, integrado por dous autobuses, cun custo de 438.000 euros, aínda que será gratuíto para os usuarios, e deberá estar en funcionamento un mínimo de 18 meses. Do mesmo xeito, porase a disposición dos usuarios unha aplicación móbil para informarse en tempo real de rutas, paradas e horarios. Ademais, establecerase un laboratorio de innovación para buscar solucións á mobilidade e a conectividade territorial nos concellos de reto demográfico integrado por investigadores, emprendedores, axentes sociais e administracións. A quinta e derradeira fase céntrase na elaboración dun plan de sustentabilidade para avaliar os resultados e replicalos noutros territorios. Presentación do proxecto Liña Conecta RuralDeputación de Pontevedra - Rafa Estévez Esta ferramenta foi moi ben recibida polos rexedores destes tres concellos. "É un día moi importante, porque o transporte público non chega a todos os sitios e este programa marcará un antes e un despois", afirmou o rexedor de Campo Lameiro, Carlos Costa, mentres que o de Moraña, Sito Gómez, engadiu que "vai ser un valor moi grande para poder conectar o rural co casco urbano". A posta en marcha desta nova ferramenta que contribuirá a vertebrar o rural da provincia e, en consecuencia, a fixar poboación nas parroquias supón un novo paso adiante na estratexia do goberno provincial de aplicar medidas que poñan solución ao reto demográfico.