A armada pontevedresa continúa sumando éxitos no Campionato de Europa de Piragüismo Maratón que se está celebrando desde este xoves na localidade portuguesa de Ponte de Lima. O último chegou da man do grovense Tono Campos, que se fixo coa medalla de ouro na proba longa sénior masculina de canoa. O piragüista do Breogán dominou a carreira, facéndose co seu décimo campionato de Europa cun tempo de 01:48:53.39. Por detrás del, o segundo posto foi para o Rui Lacerda (01:48:54.27) e o terceiro para o español Fernando Busto (01:49:10.78). Na xornada do venres, o valenciano Izan Aliaga, do Club Piragüismo As Torres-Romería Vikinga, alzouse coa medalla de bronce tras unha actuación sobresaliente no K1 Sub23 masculino. Estes metais hai que sumalos aos conseguidos por Jaime Duro (EP Cidade de Pontevedra) na proba curta sénior masculina de canoa e á prata do galego Héctor Vázquez (Club Fluvial de Lugo) no C-1 xuvenil.