"Deixádenos traballar". Con esta pancarta, unha ampla representación da profesión veterinaria percorreu as rúas de Pontevedra nunha manifestación convocada de forma simultánea por toda España. A protesta forma parte das mobilizacións convocadas pola profesión nos últimos meses contra a normativa que regula o uso dos medicamentos. A pesar das mobilizacións anteriores, e aos intentos de negociación co Ministerio de Agricultura, "a situación é a mesma que hai dous meses", critican. Así, cuestionan que a administración "fai oídos xordos ás reclamacións unánimes" de todo o colectivo veterinario contra unha normativa "abusiva", o Real Decreto 666/2023. A norma, segundo aseguran, está "moi afastada das esixencias que establece a normativa europea", impide facer valer o criterio clínico á hora de decidir tipos de tratamentos e doses e supón "un enorme incremento de carga burocrática". Con todo, "non implica ningunha mellora no control do bo uso do medicamento" e si o enfrontamento a sancións desorbitadas en caso de simples incumprimentos administrativos. Sinalan que esta manifestación non é só unha protesta profesional, é unha protesta en defensa da saúde dos animais, das familias que os coidan e do modelo de atención veterinaria que demanda a sociedade actual. "Non debemos esquecer que máis da metade dos fogares españois teñen un animal de compañía e, ao final, eles serán os máis prexudicados por non poder recibir as súas mascotas o tratamento axeitado", indican. Con estas protestas, piden que se derrogue a plataforma PRESVET dependente do Ministerio de Agricultura, na cal os veterinarios deben rexistrar todos os antibióticos recetados antes de transcorridos 15 días. Deben declarar un total de 19 datos de cada medicación recetada. [galleries:horizontal:10480]