Os premios Mil Primaveras, unha celebración da lingua e da infancia con Pontevedra como epicentro

Wait 5 sec.

O Pazo da Cultura de Pontevedra converteuse este sábado nunha homenaxe á lingua galega e á infancia coa entrega dos premios Mil Primaveras da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL). Os premios foron para catro proxectos innovadores que inciden na infancia e na mocidade, favorecen a socialización en galego e potencian a reflexión e a posta en marcha de medidas para asociar a lingua con valores positivos, pola súa contribución á normalización lingüística. Unha das experiencias premiadas foi 'Modo galego, actívao!', o proxecto de investigación e acción para a promoción do galego na infancia que desenvolven a Real Academia Galega e o Concello de Ames en colaboración cos once centros educativos públicos deste municipio. Tamén foron premiados a canle de vídeos animados 'Galego para Peques', a empresa de deseño e fabricación de xogos de mesa en galego Brazolinda e o programa do CEIP Sagrada Familia da Coruña Vitamina G, que aposta polo galego como factor de integración e cohesión social. A CTNL celebrou a entrega dos premios coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a través do programa Culturea, e do Concello de Pontevedra. Acudiron o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Demetrio Gómez; e o vicepresidente provincial, Rafa Domínguez. O acto estivo conducido por Atenea García, actriz, creadora escénica e narradora oral, titulada en Arte Dramática pola ESAD de Galicia. Na páxina web dos Premios Mil Primaveras están dispoñibles os 32 proxectos escollidos polos xurados das seis edicións destes galardóns, cunha explicación detallada da súa planificación, xestión, desenvolvemento e avaliación, ademais das súas necesidades técnicas e persoais e outros detalles. Con esta difusión, a CTNL pretende que as iniciativas recoñecidas sirvan de modelo para outras asociacións, iniciativas ou entidades interesadas na promoción do uso e do prestixio do galego. Entrega dos premios Mil Primaveras 2025 no Pazo da CulturaReal Academia Galega