Prisión provisional, comunicada e sen fianza. Esa é a situación na que quedaron dous do catro detidos o pasado martes pola súa implicación na brutal agresión a golpes e coiteladas rexistrada na praza de Barcelos. Na agresión víronse implicadas unha decena de persoas. Tres mozos resultaron feridos, catro foron detidos pola agresión e un quinto está identificado como sospeitoso, pero aínda non foi arrestado porque se atopa en paradoiro descoñecido. O catro detidos permaneceron nos calabozos da Comisaría da Policía Nacional desde a súa detención na tarde do martes até primeira hora da mañá deste venres. A partir das 9.30, empezaron a chegar ao xulgado para a súa posta a disposición xudicial. Compareceron ante o Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra, cuxa titular acordou de madrugada o ingreso en prisión de dous e a posta en liberdade con medidas cautelares para os outros dous. A causa xudicial séguese polos delitos de lesións agravadas e homicidio en grao de tentativa. Aos dous implicados que quedaron en liberdade a xuíza impúxolles comparecencias apud acta, retirada do pasaporte e prohibición de saída do territorio nacional. Así mesmo, ditouse a prohibición de aproximacion e comunicación coas vítimas. A xornada resultou maratoniana no xulgado, pois rematou, segundo confirmou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), á unha e media da madrugada do venres ao sábado. Durante o día, ademais dos detidos, tamén prestaron declaración as testemuñas da pelexa, que se rexistrou a plena luz do día, a media tarde, nunha céntrica praza da cidade. A agresión comezó con golpes e continuou co uso dun coitelo que foi recuperado pouco despois nas inmediacións. A investigación logrou de determinar a implicación de cinco agresores e agora deberá continuar para aclarar os feitos con máis detalle. Os catro detidos son naturais de Colombia e Brasil e teñen pouco máis de 20 anos. As súas vítimas teñen orixe magrebí e idades similares. Un do tres feridos xa recibio o alta, pero os outros dous permanecen ingresados nos hospitais Montecelo de Pontevedra e Clínico de Santiago pola gravidade das feridas sufridas.