Xa se poden comunicar as fogueiras de San Xoán, que terán unha altura máxima de 2 metros

Wait 5 sec.

Conta atrás para a celebración do San Xoán. A pouco máis de dúas semanas da festa, o Concello de Pontevedra mantén aberto o prazo para comunicar a celebración das fogueiras no municipio. As persoas e entidades interesadas terán até as 13.00 horas do 17 de xuño para presentar a súa comunicación. Poderá presentarse electronicamente (sede.pontevedra.gal modelo 906) ou presencialmente no rexistro xeral do Concello ou na xefatura da Policía Local. Nestes dous últimos casos, será en horario de 09.00 a 13.00 horas. No documento deberán figurar datos da persoa solicitante, situación exacta do predio, obriga de coñecer o teléfono do servizo de Bombeiros, Policía Local e Protección Civil, compromiso de ter un teléfono móbil en funcionamento e previa indicación do número na solicitude. A persoa solicitante terá que acatar as normas ou instrucións que poidan ditar os axentes da Policía Local ou do Corpo de Bombeiros. O Concello tamén acaba de publicar un bando coas normas para a celebración das fogueiras na noite do 23 de xuño. As fogueiras terán que distar un mínimo de 15 metros ás edificacións e árbores. O diámetro máximo de zona de combustión da fogueira será de 4 metros de ancho cunha altura máxima de 2 metros. Ademais, as persoas asistentes á fogueira non poderán concentrarse a unha distancia inferior á do ancho da fogueira respecto do perímetro exterior. Os materiais que se poderán empregar son: leña, pólas, toros de árbores e vellos materiais de madeira de calquera clase. Queda prohibido calquera outro tipo de material, especialmente pneumáticos, plásticos, latas, botellas, materiais con PVC en xeral e similares, así como botar aerosois, aceites ou líquidos combustibles e/ou calquera substancia explosiva. Un bote de aerosol, aínda baleiro, pode orixinar unha explosión importante. Prohíbense as fogueiras baixo árbores, tendidos eléctricos, tendidos telefónicos, balcóns, terrazas ou marquesiñas. Tamén se prohíbe a realización de fogueiras sobre vías públicas pavimentadas, xardíns ou zonas verdes en xeral.