"Parece mentira que xa pasasen dous anos", valorou a alcaldesa de Marín, María Ramallo, este sábado a modo de balance do ecuador do seu mandato á fronte do goberno local. Este é o cuarto mandato consecutivo de María Ramallo e, no seu ecuador, saca peito de que están a ser uns anos "intensos", nos que a localidade "está chea de obras" e están a acometer "a maior transformación urbana que o noso municipio experimentou nos últimos tempos". Todo "para que Marín teña o peso, a comodidade e a calidade urbana que se merece", sinalou Ramallo, convencida de que "non nos merecemos menos". Trátase dunha "mellora de calado" a nivel urbano, cultural e deportivo pola que anuncia que seguirán apostando para cumprir con todo o seu programa electoral. "É un orgullo poder dicir que estamos a levar a cabo o maior investimento da historia de Marín con axudas conseguidas doutras administracións", sinalou Ramallo, insistindo en que están "facendo un gasto 0 do diñeiro público de todos os e as marinenses". Presume de que todo o "esforzo" de xestión administrativa, burocrática e política do seu equpo de goberno nos últimos anos "empeza a dar os seus froitos". Así, indicou que hai en marcha investimentos por valor de 17,5 millóns de euros, un montante moi próximo ao orzamento municipal completo, situado en preto de 18 millóns. Entre outros investimentos, destaca a remodelación completa de Concepción Arenal e a Rúa da Ponte por 1,4 millóns; a humanización da avenida de Ourense na beirarrúa dos edificios e a creación dunha rotonda para xestionar o tráfico por un 1,3 millóns; ou a nova senda peonil entre O Campo e Pardavila por outros 1,3. A mellora ambiental do Río Lameira ten un orzamento de tres millóns; a construción do auditorio, seis millóns; a dotación do equipamento técnico e escénico necesario para o auditorio, 336.000 euros; e recuperación ambiental e da antiga praia na dársena portuaria anexa ao Paseo Alcalde Blanco, 300.000 e outros tantos para a urbanización da contorna. Outros investimentos son a remodelación do pavillón da Cañota (650.000 euros), a renovación do pavillón do Sequelo (en licitación por 725.000 euros), a segunda fase da Rúa do Forte (700.000 euros), a pavimentación e mellora de camiños do rural (450.000 euros), a mellora da contorna do Lago Castiñeiras (200.000 euros) e a mellora da eficiencia enerxética, a impermeabilización do teito e a dotación de nova maquinaria e renovación de antigas instalacións na piscina municipal (800.000 euros).