O PP reclama unha planificación "obxectiva" dos pavillóns deportivos e un reparto "equitativo" das horas entre clubes

Wait 5 sec.

Ata dez representantes dos clubs deportivos da cidade responderon á chamada do Partido Popular, que quería abordar con eles a situación que atravesan pola "escaseza" de pavillóns deportivos en Pontevedra para adestrar ou competir en óptimas condicións. Con eles falaron o portavoz municipal dos populares, Rafa Domínguez, e o concelleiro Guille Juncal, que lamentaron a situación de "precariedade" na que os clubs desenvolven a súa labor e adiantar as liñas mestras do plan do PP para impulsar mellores instalacións deportivas. Ambos os dous dirixentes explicaron que os pavillóns que hai na actualidade "están saturados ou en mal estado", o que non permite un desenvolvemento adecuado da actividade deportiva. Ante o modelo "improvisado" do BNG, que segundo Guille Juncal, traballa "de costas ao deporte de base", o PP reclama unha planificación "obxectiva" de todas estas instalacións e un reparto "equitativo" das horas e os espazos de adestramento. Ademais, reivindican que a xestión destes pavillóns estea aberta á participación dos representantes "dos que máis saben", é dicir, os propios clubs. Durante o encontro, Domínguez e Juncal mantiveron a súa aposta pola construción dun novo pavillón en Monte Porreiro cun plan de usos aberto a todas as disciplinas deportivas. Reclamaron ademais que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, cumpra a súa promesa de construír o pavillón da Parda, "unha promesa electoral que repite cada catro anos, dende hai dúas décadas, e que continúa sen resposta". No encontro participaron o Baloncesto Arxil, o Rodeiras Patinaxe Artística, o Bádminton Ravachol, o Ximnasia Pontevedra, o Cisne Balonmán, a Sociedad Deportiva Teucro, o Tenis de Mesa Monte Porreiro, o Baloncesto Estudiantes, o Stellae Leis FS e o Taekwondo Tarkanart.