Os deputados autonómicos do Partido Popular Julio García Comesaña e Manuel Santos denunciaron este luns a "falta de xestión turística" por parte do Concello do Grove". Por iso, anunciaron a presentación de iniciativas políticas tanto a nivel local, como autonómico e nacional para demandar actuacións que melloren o atractivo turístico da localidade. En compañía do portavoz do grupo municipal do PP no Grove, Pablo Leiva, ambos realizaron diversas visitas a puntos turísticos estratéxicos deste concello nos que, segundo referiron, puideron constatar "o abandono ao que os ten sumidos o goberno socialista local". En concreto, demandaron actuacións urxentes en miradoiros ou no acceso ás praias deste municipio, así como a axilización inmediata do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (Gastromeca), dotado con 2 millóns de euros procedentes de fondos europeos "que o Concello está a retrasar inexplicablemente a súa execución". "Estamos ante un exemplo claro dunha oportunidade perdida por culpa da inacción municipal, porque hai fondos e hai proxecto, pero o que non hai é vontade política nin capacidade de xestión", sinalou García Comesaña. O exconselleiro de Sanidade lamentou tamén que non se convocase o Consello Local de Turismo e que non exista unha "mínima planificación" para a Festa do Marisco de 2025", xa que a estas alturas segue sen cartel anunciador nin bases para as Centolas de Ouro. Os deputados populares tamén puxeron o foco na falta de limpeza urbana, a ausencia de aparcadoiros disuasorios e o deterioro de servizos básicos, cuestións reiteradamente denunciadas por veciños e empresarios, como puxo de manifesto a asociación Emgrobes nas súas reunións co alcalde. "O Grove merece unha xestión turística á altura do seu potencial, porque hoxe, por culpa do desleixo do seu alcalde, está a perder oportunidades mentres outros concellos da contorna avanzan e aproveitan os recursos dispoñibles", concluíu Manuel Santos. Julio García Comesaña, Pablo Leiva e Manuel SantosPP de Galicia Diante desta situación, os deputados populares e o voceiro local do PP anunciaron a presentación de iniciativas políticas no concello, para que se convoque de forma inmediata o Consello Local de Turismo e dinamice a mesa de seguimento da Gastromeca. Ademais no Parlamento de Galicia esixirán ao Goberno central que garanta a execución dos fondos europeos concedidos ao Grove e que supervise a súa correcta aplicación. No Congreso e no Senado pedirán ao Goberno de España que explique os atrasos acumulados e detalle os mecanismos de control sobre os plans financiados con cargo ao Plan de Recuperación.