Especialistas universitarios debaten sobre os intereses políticos e económicos da desinformación

Wait 5 sec.

O salón de actos de Edificio Castelao do Museo de Pontevedra acolleu este luns un debate "A desinformación baixo o foco". Moderado polo xornalista Xabier Fortes, neste debate participaron investigadores da Universidade de Vigo como José Rúas Araújo e Iván Puentes, da Facultade de Comunicación; Guillermo Blanco González, da Escola Superior de Enxeñaría Informática; Silvia García Méndez e Francisco de Arriba Pérez, da Escola da Enxeñaría de Telecomunicación, e Iria Veiga Ramos, médica psiquiatra e divulgadora. O propósito deste debate foi afondar nos efectos da desinformación e nas ferramentas existentes para detectala e combatela. Segundo sinalaba o xornalista Xabier Fortes na presentación, a proliferación da desinformación, sumada a unha "polarización brutal" da sociedade, á chegada dos "populismos máis extremistas" e ao papel das redes sociais e dos "pseudomedios" están a xerar "unha tormenta perfecta que afecta á nosa democracia". Neste coloquio púxose de relevo que a desinformación organizada "obecede sempre a intereses políticos e económicos", como sinalou o profesor da Facultade de Comunicación Xosé Rúas. Isto levou á psiquiatra e divulgadora científica Iria Veiga a incidir en que esta "non parte de forma equidistante de todos os puntos do espectro político", sinalando estudos que atribúen a maioría das loiadas a "partidos de extrema dereita e populistas". Iria Veiga tamén abundou na incidencia que esta problemática ten á hora de que "crear un estado de opinión polo que xa non sabemos que é certo e que non". A conversa arrancou pondo o foco nas diferentes manifestacións dunha problemática que, lembraron, non se limita ás loiadas e ás noticias falsas, senón que abrangue tamén a difusión de contidos nesgados, esaxerados ou manipulados. "É un fenómeno que sempre existiu, o que cambiou foi a súa capacidade de viralización coas redes sociais", salientou Rúas, investigador principal do proxecto FakeLocal. Iván Puentes, pola súa banda, alertou de que a democracia estase a ver "francamente ameazada" por esta problemática e recalcou a necesidade dunha "opinión pública informada". Pola contra, advertiu, nos últimos tempos está a medrar un "novo fenómeno", o dos "evitadores de información", persoas que optan por "non consumir información", que un estudo do Instituto Reuters, apuntou, sitúa xa en preto do 50% da poboación en España. Debate "A desinformación baixo o foco" Universidade de Vigo O segundo bloque da conversa centrouse nos efectos que este clima de desinformación está a ter na posta en cuestión da ciencia, un aspecto que levou a Veiga a incidir na importancia de "cambiar a maneira na que transmitimos o coñecemento científico". Ademais de proporcionar á cidadanía datos, sinalou, é preciso tamén achegala ao "funcionamento do métido científico", o que á súa vez permitiralles identificar informacións falsas, ao comprender "que as premisas das que parten non son correctas". O debate puxo tamén o foco no papel que xogan as redes sociais na proliferación destes contidos, mais tamén na existencia de ferramentas para facerlle fronte. "As redes sociais son unha grande ferramenta democratizadora", recoñeceu Guillermo Blanco, quen lembrou que estas plataformas permiten á cidadanía expresarse, mais tamén son unha canle idónea para facer chegar "certo tipo de mensaxes" a un gran número posible de persoas. O investigador da Escola Superior de Enxeñaría Informática, que traballou no desenvolvemento de modelos para a detección automática de desinformación en redes sociais, sinalou o problema que supoñen os "algoritmos de recomendacións", que promoven "aquilo que ten máis interaccións" e que poden ser alterados mediante o uso de bots. Neste punto, De Arriba lembrou que tras as redes sociais atópanse "empresas privadas que buscan beneficios", ao que Blanco engadiu que se ben existen ferramentas, estas "non se están aplicando o suficientemente". Apuntou concretamente que "cada día desenvólvense algoritmos para mitigar a desinformación, baseados en intelixencia artificial". Se ben a intelixencia artificial constitúe "unha ferramenta moi poderosa para crear fake news", tamén pode resultar un recurso "moi poderoso para interpretalas", sinalando neste senso ás posibilidades que achegan recursos como ChatGPT "como analistas de texto", á hora de "buscar as fontes dunha noticia".