O 17 de xuño de 1901 nacía en Marín uno dos pintores galegos máis brillantes do século XX, Manuel Torres Martínez (1901-1995). Formou parte desa xeración plástica coñecida como Os Renovadores, que nos anos trinta do pasado século incorporaron as achegas das vangardas históricas á pintura galega. A figura deste pintor será posta en valor da man do Consello da Cultura Galega, cunha xornada na que redescubrir a obra de Manuel Torres, que se celebrará o 17 de xuño de 17.00 a 20.00 horas e que foi presentada pola concelleira Itziar Álvarez e polo o escritor e comisario Ramón Rozas. A actividade enmárcase dentro do ciclo "Revisando a nosa arte", impulsado polo organismo autonómico, e ten por obxectivo poñer en valor e revisitar a traxectoria creativa do pintor marinense, que pode situarse á altura de pintores galegos como Laxeiro, Colmeiro, Souto, Maside, que acadaron máis sona que o artista local. Na xornada participarán varios relatores, que irán centrando as súas conferencias en distintos momentos da vida de Torres, analizando o contexto social, político e económico e como este tivo a súa pegada no seu desenvolvemento artístico. Un deses relatores será Carlos L. Bernández, comisario de exposicións, crítico de arte e académico da Real Academia Galega de Belas Artes, que se centrará na primeira parte da traxectoria de Torres, entre 1927 e 1936, onde entra en contacto coas experiencias pictóricas en Madrid e París, o que marca a súa decidida participación nos aires de cambio da pintura en Galicia e como despois segue a súa traxectoria nun contexto bélico. Despois, Ramón Rozas centrará a súa intervención nesa posguerra e no exilio ulterior en Marín, un caso insólito fronte ao dos seus compañeiros de xeración, que, por distintas circunstancias, desenvolveron a súa vida e obra en diferentes latitudes. Rematará a xornada, cunha mesa redonda á que se incorporarán, ademais dos dous relatores, Antón Sobral, pintor de Marín cunha relación persoal co propio Manuel Torres, e Ángeles Tilve, directora do Museo de Pontevedra, onde se gardan varias das súas pezas artísticas máis relevantes. A entrada á xornada é completamente libre e sen inscrición ata completar aforo.