As iniciativas da Asociación Sociosanitaria de Enfermedades Inflamatorias Intestinai (ASSEII) 'Preciso Pasa' e 'Apadriña un WC' chegan a Barro. O Concello acaba de asinar un convenio de colaboración coa asociación para sumarse a estas iniciativas, que buscan mellorar a calidade de vida das persoas que padecen enfermidades inflamatorias intestinais (EII), ostomías ou incontinencias, facilitando o seu acceso urxente a baños en establecementos colaboradores. O alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e David Pereira Martiñán e Patricia Villamayor Silva, vogais da asociación en Barro, asinaron o documento. Coa firma deste convenio, o Concello comprométese a difundir a campaña entre o comercio e a hostalaría local, a promover accións de concienciación social e a apoiar a inclusión dun colectivo que, con frecuencia, debe organizar a súa vida ao redor da posibilidade de atopar un aseo dispoñible. Así, ASSEII lembra que o acceso rápido a un baño en situacións urxentes non é un luxo, senón unha necesidade básica para miles de persoas que conviven con estas condicións, moitas veces invisibilizadas. A campaña 'Apadriña un WC' convida a establecementos comerciais e hostaleiros a permitir o uso gratuíto dos seus aseos ás persoas usuarias da tarxeta identificativa emitida pola asociación, sen necesidade de consumo. Estes locais reciben un distintivo oficial e son incluídos nos materiais informativos do proxecto, reforzando así a súa imaxe social e o seu compromiso coa inclusión. En Barro, xa se sumaron á campaña a Barbería Damián (Santo Antoniño), a Panadería Acuña (Curro) e o propio Concello de Barro, como entidade pública colaboradora. Desde o Concello de Barro faise un chamamento a todos os locais comerciais e hostaleiros interesados en colaborar.