O ciclo Itineranta regreará este ano ás rúas de Pontevedra. Na que xa será a súa 14 edición, encherá o casco histórico con dez espectáculos a cargo de nove compañías de recoñecido prestixio. Este ciclo promovido polo Concello de Pontevedra dentro do programa das Festas de Verán, e coordinado e dirixido por Troula, xa é unha cita ineludible do verán pontevedrés. Este ano, nenos e maiores poderán gozar desta celebración entre o 16 e o 18 de xullo entre as 20.00 e as 23.00 horas. O concelleiro de Festas, Demetrio Gómez, e Sergio Rodríguez, director artístico de Troula, presentaron o ciclo este martes e fixeron un chamamento a toda a cidadanía a gozar da súa programación, da que destacan que "sempre supón un sopro de aire fresco, talento e diversión para a cidade". Animan á poboación a que se bote ás rúas para achegarse ás compañías e "xerar un ambiente conxunto e colectivo que xere emocións e sorpresas". Todos os espectáculos deste ano agás un serán estreas na cidade. Repetirá Pachamama, de Troula, que este ano regresa reinventado e reformulado. Presentación de Itineranta 2025Concello de Pontevedra A programación comenza o 16 de xullo, mércores, con tres propostas: 'Los aguadores', de Almozandia Teatro (Zaragoza); 'Chimizayaguas', de Tchyminigagua (Bogotá-Colombia); e 'Alien's Foc', de Producciones Scura (Vila Real). O xoves 17 a programación estará formada por 'Very big pulga', de Asaco Producciones e Cirko Psikario (Navalmoral de la Mata e Fuenlabrada); 'Diminuts', de La Fam (Vila Real); e 'Pachamama', de Troula. O venres 18 de xullo o ciclo rematará con 'Olympics', de Nacho Vilar Producciones e Yllana (Murcia e Madrid); 'Disco Funk', de K de Calle (Zaragoza); 'Merograde', de Brincadeira (Barcelona); e 'Nomadesh', de La Fam (Vila Real). Cada xornada pecharase cun espectáculo pirotécnico que non está recomendado para colectivos vulnerables aos efectos de son e luz.