Caldas celebrará o Día dos Avós o vindeiro 23 de xullo

Wait 5 sec.

O Concello de Caldas de Reis está a organizar diferentes actividades para conmemorar o Día dos Avós, o vindeiro 23 de xullo. A xornada comezará cunha actividade interxeracional coas crianzas da Ludoteca, de 10.00 a 14.00 horas. O cesteiro Enrique Táboas ensinará á rapazada cuestións relacionadas con este oficio tradicional. E ás 14.00 horas terá lugar un xantar no Restaurante Lotus, mentres que pola tarde, desde as 16.30, haberá unha sesión de baile amenizada polo Dúo Marema. A Concellería de Benestar Social e Maiores vén de iniciar esta semana unha rolda de encontros, nas diferentes parroquias de Caldas de Reis, dirixidas a persoas da terceira idade. Con esta iniciativa búscase reforzar as accións levadas a cabo polo goberno local, encamiñadas a garantir unha mellor calidade de vida deste sector da poboación e para "ter constancia de primeira man das súas necesidades", tal e como explica o alcalde, Jacobo Pérez, que participou nestas primeiras reunións, celebradas o martes nos centros sociais de Godos e Saiar. O venres as citas serán en Bemil e Carracedo. As seguintes convocatorias están fixadas para o martes 15 de xullo, en San Clemente e San Andrés de César, e para o xoves 17, en Arcos da Condesa e Santa María. Todas os encontros teñen lugar entre as 10.00 e as 12.00 horas. Estes encontros súmanse á enquisa informativa enviada a preto de 2.000 vivendas, a través das cales se recaba información para "continuar mellorando a calidade de vida e garantir que as nosas e os nosos maiores estean ben atendidos", apunta o alcalde, Jacobo Pérez. LETI DA TABERNA Por outra banda, Caldas de Reis vivirá unha noite única este sábado ás 22:00 horas na Praza das Palmeiras, onde a popular artista e creadora de contidos Leticia Miraz, coñecida como 'Leti da Taberna', presentará o seu monólogo titulado 'Enredada'. Este evento, organizado polo Concello de Caldas, é de balde e está aberto a todo o público. O tenente de alcalde Manuel Fariña anima á veciñanza a acudir á Praza das Palmeiras "e rir coa retranca feminista da artista".