'Non esquezas doar antes de veranear'. É a campaña especial que a Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) puxo en marcha este verán. A campaa, que se presentou este luns en Portonovo, márcase o obxectivo de alcanzar as 27.000 doazóns que precisan os hospitais galegos para axudar a milleiros de enfermos durante este período. A directora de ADOS, Marisa López García; a alcaldesa en funcións de Sanxenxo, Paula Martínez Santos, e a concelleira de Servizos Sociais e Maiores, Paz Lago, presentaron a campaña este luns. ADOS visitará 220 concellos galegos nos meses de verán, a época de maior dificultade para alcanzar as máis de 400 doazóns de sangue diarias que precisan os hospitais galegos, polo que é necesario desenvolver iniciativas para sensibilizar e impulsar á participación da veciñanza. En Sanxenxo estarán en agosto os días 13 e 14 onde cunha unidade móbil atenderá aos doantes na Praza do Mar de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas. Todos os doantes recibirán un detalle especial para este verán. A presentación serviu para dar datos locais de doazón. Segundo informou o Concelo, durante o pasado ano 2024, Portonovo obtivo un total de 343 doazóns de sangue. Esta cifra supera amplamente ás doazóns de 2023 que alcanzaron as 262. Pola súa banda, o concello de Sanxenxo alcanzou as 852 doazóns e a súa taxa de doazón situouse en 47 por cada 1.000 habitantes, por encima da taxa de alcanzada en Galicia, situada en 39/1000 habitantes. A directora de ADOS trasladou ao seu agradecemento polos anos de intensa colaboración do Concello de Sanxenxo, e especialmente pola axuda neste verán co envío de información sobre este xesto solidario ao tecido asociativo do municipio. A alcaldesa en funcións animou aos veciños e veciñas do concello a participar na campaña.