É verán, soben as chiquitas na costa

Wait 5 sec.

Vemos como na radio, na televisión ou nos xornais onde nos din que os prezos para viaxar e veranear en España son cada vez máis caros. O INE publicou hai uns días a "Encuesta de Turismo de Residentes (ETR/FAMILITUR)" (https://www.ine.es). As vacacións son cada vez máis caras para os españois. No ano pasado, incrementouse nun 49,7% respecto ao ano 2021. Aumentan os contratos de paquete pechado para ir ao estranxeiro, sáelles máis barato que quedarse aquí. En catro anos subiron os hoteis (50%), apartamentos (37%), casas rurais (10%) e campings (11%). Tamén subiu o transporte. Tamén subiron os xeados un 35,5% ou tomar un refresco un 25%. As "patatillas" subiron un 32%. É xuño, como sempre, vou ao meu lugar de veraneo. Os prezos son os do ano pasado nalgunhas cousas. Mediados de xuño comeza a suba dos prezos na costa, o proceso acaba o trinta deste mes. Cómprense os prognósticos de todos os anos cando chega o verán. Os prezos das cousas soben nos sitios de veraneo. Soben os produtos do sector primario. Ovos cebolas, pementos de Padrón, tomates, leituga ou peixe soben. Sobe, tamén, a hostalaría. Levamos vivindo este proceso ao longo da vida do gozo estival, tómase como normal. Sería raro que non subiran, algo iría mal. Xa contamos con ese incremento, vai incluído no noso orzamento. Mais vemos que este ano o incremento foi moito. Ir de chiquitas era, e é, un xeito de relacionarse. Os naturais do lugar e os visitantes acaban relacionándose, coñecéndose, ou o que o mesmo socializando, como se di agora. Imos de chiquitas e, agora, tamén de cañas ou vermú. Nas cidades e vilas cada vez é máis difícil ir de chiquitas nalgunhas zonas. Desde a pandemia cambiaron moito as modas do chiquiteo en todos os lados, case non quedan bares ou tabernas para facelo. Aumentaron os eirados con veladores, en todas as mesas hai manteis con louza indicando que é para xantar ou cear. Aínda así e todo este ano na costa incrementáronse moito os prezos do chiquiteo, en todos os lados. Puxéronse de acordo os hostaleiros? Parece que si. O incremento do chiquiteo vai do 25 ao 35%. Igualiño que os salarios. Na cuadrilla fixemos un traballo de campo que titulamos "Cata de prezos de chiquiteo". O método empregado foi comparar prezos. As comparacións son odiosas, xa o sei, pero évos o que hai. Usamos a escala de "prezos nos locais da Boa Vila" máis representativos. A conclusión é demoledora, os incrementos de prezos, sempre na mesma marca de viño, ou cervexa, móvese entre os 40 a 110 céntimos nos viños e entre os 30 e 90 céntimos no caso das cervexas. Dos pinchos mellor non falar, agás excepcións (poucas). Queixábase, ao meu carón, un veraneante madrileño que leva vindo aquí, e coñezo, desde fai máis de vinte anos e dicía: "ya les vale, quieren acabar con la gallina de los huevos de oro para ganar en dos meses lo que otros no ganamos en un año, los siento pero este año es el último que vengo, me voy a Portugal". Pola miña cabeza pasou un pensamento parecido, aínda que de entrada non me vou. Gocen do verán e vaian de chiquiteo con moderación, aínda que seguro que irán cos prezos deste ano chiquitearemos menos.