O incendio de Riestra demostrou, segundo o PP, a "alarmante escaseza de persoal" no parque de bombeiros

Wait 5 sec.

O PP de Pontevedra considera que o incendio que arrasou un edificio da rúa Riestra na madrugada do martes puxo de manifesto a "alarmante escaseza de persoal no parque de bombeiros" de Pontevedra. O número dous do PP local, Pepa Pardo, quixo felicitar ao Corpo de Bombeiros e aos axentes da Policía Local e expresar o seu agradecemento a todos os efectivos que interviñeron "con gran profesionalidade e entrega" nas tarefas de evacuación e extinción do incendio. Destacou que a súa "profesionalidade, entrega e rapidez", que foron "claves para evitar unha traxedia maior". A pesar desa profesionalidade dos traballadores, considera que o persoal actual é "claramente insuficiente para atender este tipo de emerxencias". Como proba, sinalou que foi necesario pedir un reforzo doutros parques comarcais de bombeiros. Pardo fai referencia ao comunicado emitido pola Xunta de Persoal do Concello de Pontevedra, que alerta de que a falta de efectivos obrigou a priorizar a evacuación dos veciños e veciñas fronte aos labores de extinción, que se prolongaron durante horas. Pardo considera que a situación é "crítica" porque "estamos a falar dun problema grave de falta de recursos humanos, provocada pola nula xestión do persoal do Goberno local". A edil do PP insiste na necesidade "urxente" de ampliar o persoal do parque, pois considera que "non podemos permitir que a seguridade dos veciños e dos propios bombeiros siga véndose comprometida pola mala xestión do Goberno do BNG en materia de persoal".