Aberto o prazo para participar na XXI Carreira Nocturna Concello de Vilagarcía

Wait 5 sec.

A Fundación de Deportes abre o prazo para participar na XXI Carreira Nocturna Concello de Vilagarcía, que se celebrará o sábado 2 de agosto a partir das 21:00 horas. Os interesados poden formalizar a inscrición a través de www.championchipnorte.com ata o día 29 deste mes. Disputaranse as categorías Sub-6 ata Sub-16, é dicir, nados en 2010 e posteriores, con cota gratuíta; e en categoría absoluta, nados en 2009 e anteriores, cun custe simbólico de cinco euros por deportista. Dende a concellería de Deportes, dirixida por Carlos Coira, sinalan que "hai moito interese nesta proba, moita xente de fóra que se despraza a Vilagarcía para esta cita deportiva". De feito, a participación doutros anos situouse en torno aos 500 participantes. O concelleiro responsable sinalou este xoves durante a presentación que, ademais, "coincide no mesmo fin de semana que a Travesía a Nado Porto de Vilagarcía, que será o domingo pola mañá, e hai moitos deportistas que xa veñen á cidade para acudir ás dúas actividades". O percorrido da proba é o mesmo que o doutros anos: a saída é dende a praza da II República, seguindo por avenida Rivero de Aguilar ata a rotonda que baixa ao peirao de Pasaxeiros; unha vez alí, os corredores continúan dirección Vilaxoán pola beira do mar ata a rotonda que dá acceso ao Porto, onde xirarán para volver por avenida Valle Inclán ata onde se coloca o mercado. Alí farán un pequeno tramo cara a Praza de Abastos por García Caamaño, para volver a saír por Alexandre Bóveda e continuar en dirección avenida da Mariña ata a meta, na praza de onde partiron. Os adultos farán un percorrido de 10.000 metros, o que sería unhas tres voltas a este circuíto, mentres que as categorías infantís (da sub-16 á sub-6) farán percorridos máis curtos de entre 1.800 e 100 metros. Os dorsais recóllense na praza da II República. Os adultos recibirán tamén unha camiseta da carreira. Todas as categorías infantís (ata sub-16) obterán unha medalla por participar. No caso da categoría absoluta, faráselle entrega dun trofeo para o primeiro, segundo e terceiro posto e tamén haberá premios por categorías e para os mellores clasificados.