Durante a noite deste luns, o servizo de Gardacostas de Galicia evacuou da illa de Ons un octoxenario que sufrira unha caída e necesitaba atención médica. Segundo a información facilitada polo 112 Galicia, mobilizaron ao helicóptero Pesca I, que recolleu ao octoxenario e trasladouno ao hospital. A caída provocáralle "importantes lesións", tales como golpes na cabeza e un brazo, e necesitaba puntos de sutura. Tal e como explicaron os profesionais sanitarios, tratábase dunha urxencia médica, pero non dunha emerxencia vital. Co fin de garantir un traslado seguro e respectuoso co seu estado de saúde, optouse polo emprego dos recursos aéreos, que o trasladaron até o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. O 112 Galicia rexistrou durante a noite dúas evacuacións desde o Parque Nacional das Illas Atlánticas, esta de Ons e unha de Cies. As dúas situacións rexistráronse no 112 Galicia entre as once e as doce da noite pasada. En Cíes, un menor necesitou asistencia por queimaduras con leite fervendo. A evacuación foi realizada polo persoal de Salvamento Marítimo a bordo da embarcación Salvamar Mirach.