Pontevedra, entendida como un taboleiro de xogo para a infancia e a adolescencia

Wait 5 sec.

Nenas e nenos e adolescentes de Pontevedra será os protagonistas da nova iniciativa posta en marcha polo Concello para desenvolver o seu modelo de cidade. Será co proxecto 'Pontevedra é a Vila do Mañá', unha iniciativa que propón entender a cidade como un taboleiro de xogo e un laboratorio de aprendizaxe no que as crianzas poidan descubrir, percorrer e transformar o espazo urbano a través da arte, da arquitectura e da experimentación directa. A responsable de Promoción Económica, Anabel Gulías, presentou o programa este venres acompañada pola arquitecta Sandra González Álvarez, directora do proxecto. O programa inclúe unha serie de accións participativas que se desenvolverán os días 22, 23, 29 e 30 de decembro coa Casa da Luz como lugar de encontro. Estarán distribuídas en 8 quendas: polas mañás, de 10.00 a 14.00 horas, e polas tardes, de 15.30 a 17.30 horas. Trátase de accións destinadas a nenas e nenos a partir dos 6 anos nas que se explorará a percepción do espazo, a relación do corpo coa cidade, a escala, os percorridos e a creación efémera. Gulías explicou que este proxecto "permite poñer no centro a mirada das crianzas, recoñecéndoas como parte da cidade e dándolles ferramentas para comprender e transformar o espazo". Pontevedra leva anos apostando por un modelo urbano pensado para as persoas e, para Gulías, 'A Vila do Mañá' "reforza esa visión a través da teoría dalguén que admira tanto Pontevedra coma Tonucci, incorporando ás xeracións máis novas". Sandra González explicou que a metodoloxía das actividades se baseará na percepción sensorial, na creación colectiva, na observación do contorno e na apropiación temporal dos espazos cotiáns, empregando ferramentas que permiten repensar a cidade desde a escala humana. A iniciativa, que ten visitado máis de 25 municipios galegos, foi galardoado o pasado ano coa máxima distinción na categoría 'Pedagoxías' da Bienal Iberoamericana de Arquitectura e Urbanismo (BIAU). A inscrición é de balde e realízase a través do Apúntate da páxina do Concello de Pontevedra, onde deberá seleccionarse unha das oito quendas dispoñibles.