Mesmo trazado e lixeiros retoques na súa configuración para unha variante de Alba que se irá até os 12 millóns de euros

Wait 5 sec.

O novo proxecto para a variante de Alba viu a luz. Non terá apenas diferenzas co proposto en 2021. O trazado, de preto dun quilómetro, é o mesmo. Os técnicos da Xunta, iso si, incluíron certas modificacións na configuración do viario. Así o puxo en valor este venres a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, na presentación dunha variante que cualificou como "moi necesaria" non só para Pontevedra senón para toda a súa comarca. "Hoxe é un día importante. Agora, xa si, iníciase este proxecto", sinalou Martínez Allegue, que apuntou que o novo viario "desconxestionará moito" a PO-531, a N-550 e "sobre todo" a PO-225 en San Caetano, por onde pasan preto de 12.000 vehículos diarios. Esta variante evitará ademais, destacou a titular de infraestruturas no goberno galego, que o tráfico pesado "teña que entrar en Pontevedra" e haxa un acceso "máis directo" á costa pola variante de Poio e ao centro de saúde de Lérez e o Hospital Montecelo. Tras destacar que o proxecto se desbloqueou despois do "consenso de todas as partes implicadas", a conselleira indicou que o custo da variante dispararase até os 12 millóns de euros algo que, recoñece, "é unha barbaridade". María Martínez Allegue e Miguel Anxo Fernández LoresPontevedraViva A pesar diso, María Martínez Allegue insistiu en que a variante de Alba é un viario "preciso e necesario" e que o trazado elixido "é o máis beneficioso" e o que causa un "menor prexuízo" a nivel técnico para todos os afectados. María Deza, a nova directora da Axencia Galega de Infraestruturas, explicou que a variante de Alba, que terá 992 metros de lonxitude, contará cun carril de 3,5 metros por cada sentido e con beiravías de dous metros. Na súa marxe esquerda haberá unha senda peonil de 2,5 metros, que estará separada da calzada por unha zona axardinada de 1,22 metros de ancho. Na dereita, pola súa banda, haberá unha berma até a cuneta de até 1,30 metros. Ademais das dúas glorietas de entrada, unha na PO-531 en Campañó -que ampliará a súa entrada- e outra na N-550 na Cendona (Lérez), haberá unha terceira rotonda intermedia, que facilitará a conexión cara aos lugares de Pontecabras (Alba) e Banqueira (Campañó). Outra intersección a nivel, pola súa banda, permitirá acceder ao viario municipal que se dirixe cara aos lugares de Cachapal e O Freixo, ambos en Campañó, e haberá catro pasos de peóns e vías de servizo para permitir o paso ás leiras situadas a ambos os dous lados. O trazado contará tamén cun viaduto de 242 metros, cunha altura máxima de 17,36 metros, para salvar a liña do ferrocarril e o río da Gándara. Proxecto da variante de AlbaXunta de Galicia A previsión da Xunta de Galicia é que a redacción do proxecto estea terminada no primeiro trimestre de 2026 e, tras unha tramitación ambiental simplificada -entre oito e dez meses-, poida exporse ao público a finais do próximo ano. A aprobación do trazado definitivo e a licitación do proxecto construtivo produciranse xa en 2027. O prazo de execución da obra será de 24 meses, polo que esta variante non será unha realidade palpable, como mínimo, até mediados de 2029. "DÍA MOI ALEGRE" PARA O ALCALDE Tras coñecer os detalles desta actuación, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, indicou que o de hoxe é un "día moi alegre" para Pontevedra, xa que o desbloqueo desta variante de Alba é unha "boa noticia". "O Concello sempre tivo claro que esta era a alternativa", sinalou Fernández Lores, que mostrou a súa alegría que se vaia a facer unha obra "absolutamente imprescindible". María Martínez Allegue e Miguel Anxo Fernández LoresPontevedraViva O alcalde, que lembrou que o goberno municipal "fixo os deberes" ao conseguir a cesión da N-550, pediu que os técnicos do Concello poidan "visibilizar o trazado" e facer recomendacións "se fora necesario" para que "vaiamos todos a unha". A conselleira, a este respecto, garantiu que haberá reunións entre ambas as partes para revisar todos os detalles do proxecto antes de iniciarse a tramitación ambiental.