Marín retoma as obras na Rúa da Ponte para mellorar o firme e as beirarrúas

Wait 5 sec.

Tras o parón do verán, volven os traballos na Rúa da Ponte co obxectivo de renovar o firme e ensanchar as beirarrúas alí onde sexa posible. Esta actuación busca mellorar a mobilidade e transformar o espazo urbano, en liña coas obras que xa veñen desenvolvendo en Concepción Areal e ao longo de toda a estrada PO-546. A alcaldesa de Marín, María Ramallo, e o concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, visitaron a zona acompañados polo equipo técnico da Xunta de Galicia, entidade que financia este proxecto. Durante a visita puideron comprobar de primeira man o avance dos traballos, que están a ser executados pola empresa Oresa. Na marxe xa finalizada antes do verán -cando se detiveron temporalmente as obras para minimizar as molestias no tráfico cara ás praias- xa se pode apreciar a mellora da contorna. Agora, os traballos céntranse en completar o treito restante, poñendo especial atención nos pasos de peóns e mantendo o actual espazo de estacionamento, que quedará a nivel da beirarrúa para facilitar o acceso. Ademais, renovarase por completo o pavimento da rúa. Aínda que hai uns meses realizáronse arranxos puntuais, agora levarase a cabo unha intervención integral para garantir un firme en perfecto estado e mellorar a seguridade viaria. Esta obra forma parte dun investimento global de máis dun millón de euros por parte da Xunta de Galicia, que inclúe tamén dúas fases do proxecto de humanización de Concepción Areal. Ao finalizar, a PO-546 pasará a ser unha vía de titularidade municipal, culminando así unha transformación importante para o centro urbano de Marín. Visita ás obras na Rúa da Ponte Concello de Marín