O Museo de Pontevedra quere exhibir en 2026 a emblemática obra de Castelao "A derradeira lección do mestre"

Wait 5 sec.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, e o vicepresidente, Rafa Domínguez, mantiveron este xoves un encontro co presidente do Centro Galicia en Bos Aires, José María Alén. O obxectivo foi o de iniciar as negociacións para a cesión temporal do cadro "A derradeira lección do mestre", de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, ao Museo de Pontevedra. A intención do goberno provincial é que a obra poida ser exposta ao público en 2026. "Hoxe damos o primeiro paso para que Castelao poida impartir a súa 'última lección' na súa segunda casa: o Museo de Pontevedra", declarou Luís López tras a reunión, destacando o valor simbólico do proxecto como unha ponte cultural coa emigración galega. A través de la cultura "tendemos pontes cunha terra irmá como é a quinta provincia galega", engadiu en alusión á comunidade galega en Arxentina. Inicio das conversas para traer ao Museo o cadro "A derradeira lección do mestre" PontevedraViva A obra, propiedade do Centro Galicia de Bos Aires, forma parte do legado máis representativo do artista e político galeguista, e constitúe unha peza central da colección Galiza Mártir, composta por 31 debuxos realizados durante a Guerra Civil. A directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, subliñou a relevancia desta pintura, destacando que o museo conserva o debuxo orixinal que serviu de base para a súa creación, o que reforza o vínculo entre a obra e a institución pontevedresa. Durante o encontro, López cualificou o cadro como "unha lección de humanidade, de sensibilidade na homenaxe ao seu amigo asasinado, Alexandre Bóveda; de memoria histórica, pacifismo e denuncia das atrocidades bélicas", e lembrou que a súa mensaxe conecta co espírito da Bienal de Arte que recentemente concluíu en Pontevedra. O vicepresidente Rafael Domínguez, pola súa banda, sinalou que esta "obra cume" de Castelao é inseparable da identidade do museo. "Se hai algo que fai reconocible ao Museo de Pontevedra é sen dúbida Castelao. Esta entidade non se comprende sen el, e Castelao non se pode entender sen este museo", afirmou. Domínguez admitiu que traer esta obra a Pontevedra foi unha "obsesión" persoal, co propósito de que poida "dialogar co resto da súa obra" exposta no museo. Pola súa banda, o presidente do Centro Galicia en Bos Aires, José María Alén, mostrou a súa disposición a colaborar no proxecto. "A vontade é máxima para que os galegos non teñan que ir a Bos Aires para velo e poidan facelo aquí", declarou. Tamén recalcou o carácter simbólico da obra da que dixo "non é propiedade do Centro Galicia de Bos Aires, é de toda Galicia e de todos os galegos". A Deputación de Pontevedra agradeceu ao Centro Galicia a súa xenerosidade e apertura para facer posible que esta obra regrese temporalmente "a casa", permitindo que as novas xeracións poidan contemplar unha das pezas máis icónicas do patrimonio artístico e político galego. Inicio das conversas para traer ao Museo o cadro "A derradeira lección do mestre" PontevedraViva