A conselleira do Mar, Marta Villaverde, explicou este xoves ao alcalde de Poio, Ángel Moldes, os detalles do investimento de 1,4 millóns de euros para mellorar as condicións de traballo dos mariñeiros do porto de Combarro. Marta Villaverde acudiu de visita oficial a Poio para participar na I Xornada Técnica da Ameixa, organizada polo Concello co respaldo do GALP Ría de Pontevedra e a Consellería do Mar. Ademais de participar neste encontro, a conselleira tamén visitou o porto de Combarro acompañada por José Antonio Álvarez, presidente de Portos de Galicia que será entidade promotora da actuación que hoxe explicou. A conselleira lembrou que o Consello da Xunta informou o pasado día 22 do inicio da licitación pública das obras de acondicionamento dos departamentos para usuarios do porto. Villaverde indicou á confraría de pescadores, que levaba tempo solicitando esta actuación, que os traballos contemplan a renovación completa da envolvente do tres edificios onde se reparten 28 departamentos. Ademais, dotaranse os inmobles de aseos individuais e conectaranse á rede de saneamento. A intervención inclúe a rehabilitación da estrutura de formigón, seguida da aplicación dun revestimento protector, e a instalación dunha nova cuberta tipo panel sándwich. Tamén se renovará toda a carpintaría exterior, que será de aluminio. Cada un dos 28 departamentos contará co seu propio aseo, e tanto os edificios como a oficina portuaria estarán conectados á rede de saneamento. Para iso, será necesario construír unha rede de abastecemento por tubaxe e un pozo de bombeo que permitirá enlazar coa rede principal mediante impulsión. Unha vez comecen as obras, estímase un prazo de execución de 9 meses. As persoas interesadas poden consultar toda a documentación e os pregos do concurso na plataforma de Contratos de Galicia, no perfil do contratante e tamén na páxina web oficial de Portos de Galicia. Visita da conselleira do Mar ao porto de Combarro Xunta de Galicia