Na memoria das nenas e nenos palestina, victimas do xenocidio Pronto se acadan dous anos dende o inicio dos bombardeos de Israel sobre Gaza. Día tras día continúan asasinando a unha poboación indefensa, sen importar que sexan nenas e nenos, nin anciás as vítimas; non importa que as bombas destrúan hospitais, escolas, tendas de campaña; non importa que as balas asasinen as persoas que gardan cola para buscar un vaso de auga e un bocado de pan. O obxectivo é claro: Que desapareza da face da terra o Pobo Palestino que xa estaba confinado en Gaza. Mentres isto ocorre o mundo é incapaz de facer unha fronte común para poñer fin aos bombardeos, as balas, ao cerco ao pobo de Gaza, a fame ... No noso entorno vemos como a dereita ten medo a chamarlle as cousas polo seu nome. Mesmo din que non importa chamarlle masacre ou xenocidio. Véxase a postura do PP, mostrada polo seu Portavoz no Pleno do Concello de Pontevedra do pasado 22 de outubro e posteriormente na convocatoria aos medios de comunicación. Non se sentiu capaz de discernir se o de Gaza é un xenocidio ou non. Pero si se viu capaz de pedir a intervención de oficio da Fiscalía por se a moción aprobada no Pleno constituía un delicto de odio. Pois non da o mesmo, chamarlle xenocidio ou non. Debemos lembrar que houbo persoas que dedicaron parte da súa vida a que se recoñecera o xenocidio como un crime autónomo no dereito internacional. Segundo distintas publicacións, Churchill referiuse a este crime como "delicto sen nome". Foi un xurista polaco, curiosamente xudeu, Raphael Lemkin, o creador da verba xenocidio, composta do substantivo grego "xenos" (raza) e de "cidio" do verbo latín "caedere" (matar). Este xurista quedou fortemente impresionado polo exterminio do pobo armenio ocorrido na Primeira Guerra Mundial, feito do que tivo coñecemento cando só contaba con vinte anos. Dende entón, dedicou parte da súa vida a loitar por unha norma universal de prevención destes crimes ("deime conta de que o mundo debía adoptar unha lei contra ese tipo de asasinatos raciais ou relixiosos", escribiu). Despois dun trámite longo, o proxecto no que participou Lemkin chegou a Asemblea Xeral da ONU aprobándose a Convención para a Prevención e Sanción do Delicto de Xenocidio o 9 de decembro de 1948, cualificándose no limiar como delicto de Dereito Internacional. O artigo II é o que recolle a descrición do delicto que di así: Na presente convención enténdese por xenocidio, calquera dos actos que se nomean a continuación, perpetrados coa intención de destruír, total ou parcialmente, a un grupo nacional, étnico, racial ou relixioso, como tal: a) Matanza de membros do grupo. b) Lesión grave a integridade física ou mental dos membros do grupo. c) Sometemento intencional do grupo a condicións de existencia que leven a súa destrución física, total ou parcial. d).- Medidas destinadas a impedir os nacementos no seno do grupo. e) Traslado por forza de nenos do grupo a outro grupo. Esta Resolución da ONU entrou en vigor no Estado Español da ditadura o 8 de febreiro de 1969; regulouse no Código Penal no 1971 (artigo 137-bis). Ata a ditadura ratificou a Resolución da ONU (xa sabemos que a pesar diso, non se caracterizou o réxime polo respecto aos Dereitos Humanos). Os bombardeos en Gaza, as balas contra nenas e nenos indefensos, contra civís, só buscan a destrución dos fogares, dos hospitais, das escolas do Pobo Palestino. Desprazan aos vivos a ningunha parte, non teñen un lugar ao que fuxir; están sitiados e invadidos de fame. Mentres isto ocorre é difícil comprender como existen persoas que sexan incapaces de comprender que este horror só ten un nome: O XENOCIDIO DO POBO PALESTINO. E hoxe atopámonos con que o Presidente do país que apoia cegamente a Israel e o seu Primeiro Ministro, o Bibi como o chama Trump, pactan un plan de vinte puntos, din que para rematar coa guerra en Gaza. Un plan de costas aos Palestinos e cun ultimatum de 72 horas para aceptalo. É insoportable que os dous causantes do que ocorre en Gaza (quen apoia a Bibi e quen executa ao pobo) sexan os que traten un plan para pór fin ao xenocidio, sen contar para nada coas vítimas. O xurista xudeu, Sr. Lemkin, que empregou parte da súa vida en plasmar nunha norma de dereito internacional o delicto de xenocidio quedaría fondamente horrorizado, como lle ocorreu co exterminio dos armenios, se puidera ver as imaxes do que ocorre en Gaza.