Chamamento do Ateneo de Pontevedra

Wait 5 sec.

O Ateneo de Pontevedra inicia este mes de outubro o obrigado procedemento estatutario de renovación da súa Xunta directiva. Proceso que rematará, unha vez presentadas as candidaturas e realizadas as eleccións correspondentes, a mediados do mes de novembro. A estas eleccións poderanse presentar todos os socios e socias do Ateneo que estean ao día no abono das cotas. A directiva actual desexa facer un chamamento aos, practicamente, 200 socios/as con que o Ateneo conta na actualidade a que participen no que debe ser unha mostra de vitalidade deste foro de cultura cidadán que é o Ateneo de Pontevedra. As razóns desta solicitude son de índole moi diversa e todas elas precisarían dunha explicación detallada que excede a unha nota informativa. Obviaremos, e nin moito menos por iso carece de consideración, a importancia histórica de continuidade dunha entidade como o Ateneo -con décadas de presenza na cidade-, para centrarnos brevemente na importancia da existencia de foros de intervención transversais, plurais, rigorosos, críticos e activos nas súas propostas, no referente aos eidos de actuación dun Ateneo. A cultura –concepto de case imposible definición, e moito menos circunscrición- constitúe un abano amplísimo de manifestacións humanas relacionadas co coñecemento e as súas aplicacións que ao longo da evolución foi adquirindo a especie e que deron lugar ao que hoxe somos. A cultura, xa que logo, é un binomio de coñecemento e cambio. No seu carácter de foro de intervención cidadán, o deber do Ateneo é traballar nese "o que hoxe somos", e realizar propostas de actualidade baseadas no rigor histórico e científico que nos sirvan para dotarnos dun mellor e veraz coñecemento. No seu carácter de foro de análise, o Ateneo ten a obriga de reflexionar sobre o ecosistema no que nos asentamos, no caso particular noso, a cidade que habitamos, as fortalezas e debilidades da mesma. Tanto a partir de colaboracións externas como fomentando a participación de entidades locais. Somos, ou debemos ser, sabedores da complexidade do presente, dos tempos actuais e dos que se aveciñan. A mutación histórica dos modelos sociais que utilizamos como modelos de convivencia posiblemente sexa inevitable e irreversible. A globalización ou mundialización da economía, a popularización dunha tecnoloxía da información e do coñecemento que está transformando a comunicación humana, a crise por esgotamento dos sistemas políticos que institucionalizaron o poder, todos eles, constitúen retos de incalculables dimensións. Unha cidadanía consciente e informada do que acontece, por que acontece e en que medida lle vai a afectar, é imprescindible para o propio desenvolvemento social e urbano desa cidadanía. Foros como o Ateneo –na humilde escala das súas propias limitacións- deben existir para iso. Xaime Toxo. Presidente do Ateneo.