O Cineclube mergúllase en outubro no universo de Maurice Pialat

Wait 5 sec.

O Cineclube Pontevedra dedicaralle os catro martes de outubro a Maurice Pialat (1925-2003), figura clave do cinema post-Nouvelle Vague, co gallo do centenario do seu nacemento. A súa obra, inédita ata este ano en salas españolas, caracterízase por un estilo radical e popular, realista e seco, cunha forte carga autobiográfica, e foi decote comparada coa de Bresson ou Cassavetes. Haberá tamén dous luns de filmoteca, en colaboración coa Filmoteca de Galicia, que se lle dedicarán ás últimas obras estreadas das directoras francesas Alice Diop e Catherine Breillat. Todas as proxeccións serán no Teatro Principal e comezarán as 20: 30 horas. O luns 6 proxectarase SAINT OMER. O POBO CONTRA LAURENCE COLY. No seu debut na ficción, Alice Diop reconstrúe palabra por palabra o xuízo real contra a doutorada senegalesa Fabienne Kabou. O filme foi recoñecido co Gran Premio do Xurado e Mellor Ópera Prima no Festival de Venecia en 2022, co premio ao Mellor Filme e Mellor Guión no Festival de Sevilla 2022 e foi considerado o mellor filme do ano pola revista Sight & Sound. O martes 7 proxectarase A INFANCIA NÚA a primeira longametraxe de Pialat, realizada aos 43 anos e coproducida polo seu amigo e colaborador François Truffaut. Con ela compite en Venecia no ano 1968 e gaña o Premio Jean Vigo no 1969. Para o martes 14 de outobro está programada A BOCA ABERT. O filme conta a historia de Monique Bastide que ten cincuenta anos e padece un cancro terminal. Quédanlle só uns meses de vida e o seu fillo Philippe lévaa á pequena vila de Auvergne onde vive o seu ex marido. A familia de Monique acompáñaa na súa agonía. O seu marido e os seus fillos, con máis necesidade ca nunca de sentírense vivos, dedícanse a perseguir mulleres. A súa nora continúa rumiando vellos rencores contra a moribunda. O baleiro que deixa Monique é grande, mais a vida debe continuar. O martes 21 de outubro o público terá ocasión de ver AOS NOSOS AMORES o filme máis aclamado de Maurice Pialat, gañador do César 1984 a Mellor Filme e Mellor Actriz Revelación e protagonizado por unha novísima Sandrine Bonnaire, na súa primeira actuación e unha das máis memorables. Competiu en Berlín en 1984 na Sección Oficial. E o luns 27 o Principal acolle a proxección de O ÚLTIMO VERÁN un filme no que Catherine Breillat adéntrase sen tabús no desexo feminino da man dunha espléndida Léa Drucker nesta persoal e desafiante relectura do filme danés Raíña de corazóns (May el-Toukhy, 2019). Considerado por Cahiers du Cinéma como un dos máis elocuentes filmes do ano 2023, o filme fíxose co Premio Especial do Xurado no Festival de Xixón no 2023. Por último, para o martes 28 o Cineclube Pontevedra escolleu O NENO, a derradeira película de Pialat (que non chegou a montar) é, en palabras de Serge Toubiana, unha home movie autobiográfica en forma de pintura cubista que volve aos grandes temas do cineasta: o grupo de familia, a morte, a infancia.