O "privilexio" da Deputación por traballar con 22 agrupacións xuvenís da provincia co plan +Xuventude

Wait 5 sec.

O Pazo Provincial convertiuse este mércores nun escaparate dos proxectos beneficiados pola Plan +Xuventude da Deputación Provincial. No salón de plenos do Pazo, reuníronse representantes das 22 propostas recoñecidas neste programa, cinco máis que o ano pasado, para dar a coñecer a través dunha peza audiovisual os detalles dos proxectos beneficiarios. Recibirán subvencións de entre 1.000 e 5.000 euros por parte do organismo provincial. Este proxecto tivo este ano a súa segunda edición e elevou o seu orzamento en 20.000 euros, ata os 120.000 euros. O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recoñeceu este novidoso proxecto de colaboración con agrupacións xuvenís da provincia que como un "completo acerto" polo aumento tanto da participación como da calidade dos proxectos que experimentou. Destacou que "cunha xuventude que aposta tanto e con tanta forza pola súa provincia, a colaboración da Deputación non nin un agasallo nin unha obriga". E sinalou que é "un verdadeiro privilexio" estar ao carón das entidades beneficiarias e acompañalas no desenvolvemento dos proxectos. Jorge Cubela, deputado responsable do departamento de Xuventude na Deputación, destacou que "somos moi conscientes de que para que a provincia vaia a máis, vós tedes que ser partícipes do proxecto". Tamén tomou a palabra Sheila García, presidenta da Asociación Colectivo Espazo do Concello de Barro, en representación dos seus compañeiros, para salientar o importante apoio que supoñen estas axudas da Deputación para que mozas e mozos de toda a provincia poidan materializar proxectos de todo tipo e beneficiosos para o conxunto da sociedade. O presidente e o vicepresidente lembraron o compromiso da Deputación coa mocidade da provincia, que se traduce nun investimento de máis de 2,5 millóns de euros en dous anos ou a creación dunha área de goberno específica para a xuventude dotada este ano cun orzamento de 1,3 millóns. A concesión anual destas axudas do +Xuventude, a entrega dos Premios Provinciais da Xuventude, o lanzamento de certames novidosos como o "Pontevedra Literaria" ou a oferta de prácticas laborais en países da Unión Europea tamén forman parte esta estratexia. Luis López adiantou que o plan estratéxico para a xuventude será aprobado de xeito inminente e marcará a folla de ruta que integre todas as políticas da Deputación en materia de xuventude.