"A desaparición da xunqueira da Seca foi o atentado ecolóxico máis brutal que sufriu Pontevedra no século XX"

Wait 5 sec.

O barrio da Seca converterase este xoves 2 de outubro no epicentro da memoria histórica de Pontevedra. A partir das 20.00 horas, a Aula Anexa do Edificio da Cruz Vermella (Rúa Cruz Vermella, 26) acollerá a conferencia Historias do barrio da Seca, impartida polo editor e escritor Xosé Enrique Acuña, e unha exposición fotográfica que acompañará o relato da evolución deste espazo da cidade. A actividade, organizada pola Mesa pola recuperación do río Valdecorvos, conta coa colaboración do Concello de Pontevedra e da delegación en Pontevedra do Colexio de Arquitectos de Galicia. En conversa con PontevedraViva, Acuña adianta que a conferencia será "unha pequena charla, pero con multitude de historias e de anecdotario sobre o barrio da Seca" que "ten unha sensibilidade histórica que se foi perdendo cando desapareceu a vida parroquial". O investigador lembra que A Seca formaba parte da parroquia de Mourente, cuxo territorio chegaba ata o Convento de Santa Clara. Mesmo a actual Estación de Ferrocarril ou a zona dos Xulgados da Parda eran espazos ligados a esa parroquia. Un dos elementos centrais da súa conferencia será a memoria da xunqueira da Seca, "un patrimonio natural e ecolóxico roubado aos veciños" e que ocupaba dende os terreos do actual Centro Galego de Tecnificación Deportiva (antigo Estadio da Xuventude) ata parte dos terreos da factoría Tafisa. Tarxeta postal con fotografía das marismas da Seca aprox. en 1910 (hoxe Centro Galego de Tecnificación Deportiva)Edición Perfecto García / Museo de Pontevedra "Se a cidade conservase as súas tres xunqueiras –a da Seca, a do Lérez e a do Alba– estariamos ante un patrimonio natural único en Galicia e posiblemente en Europa", afirma Acuña, que cualifica a súa destrución como "o atentado ecolóxico máis brutal que sufriu Pontevedra no século XX", lamenta. "E despois, dentro desas manobras urbanísticas que todos os concellos e administracións locais de que lle tiñan esa manía aos ríos, pois o río Valdecorvos foi soterrado en diferentes zonas, pero especialmente no que sería a súa desembocadura, precisamente na xunqueira da Seca", engade. Aos atentados a esta zona, sumouse a instalación da fábrica de Tafisa, que marcou o final dun xeito de vida. "A xente da Seca baixaba no verán ao río directamente a bañarse. Desde que chegou Tafisa e todo o alcantarillado de Pontevedra caendo sobre o río, xa foi imposible bañarse". O autor lembrará na conferencia os alcumes familiares ou os oficios que definían a economía local. "Na Seca convivían familias con grandes propiedades e poder económico con xentes humildes, incluídos os fundadores do movemento obreiro local e das primeiras agrupacións socialistas de Pontevedra", explica. Acuña recuperará tamén a memoria das fontes –a da propia Seca, a de Blas ou a de Santa Margarida–, dos hórreos hoxe desaparecidos –"canastros ou hórreos deben de quedar un ou dous"– a importancia da capela de Santa Margarida "onde os veciños da Seca ían todos os domingos", así como a existencia dunha escola pública na Seca, inaugurada na República e fundamental na alfabetización dos nenos e nenas, cuxos pais e nais, en varios casos, non sabían nin ler nin escribir. Lavandeiras no lavadoiro do barrio da Seca, fotografadas entre 1900 e 1908 por Francisco ZagalaFrancisco Zagala / Museo de Pontevedra O conferenciante evocará igualmente a importancia da festa de Santa Margarida, que "era a festa grande do barrio da Seca, á que, por certo, viña xente de toda Pontevedra, o primeiro domingo de agosto" e as reunións en torno ao Carballo para celebrar o Primeiro de Maio obreiro. Tamén destaca os cambios sociais, "marcados no caso da Seca por acontecementos como foi a instalación, primeiro, dunha barriada de casas para funcionarios da Deputación de Pontevedra e, posteriormente, en 1956, dunha barriada que daquela se denominaba Casas Baratas". Estas urbanizacións trouxeron "centos de habitantes novos á Seca e, dalgunha maneira, cambiou a estrutura social marcada nos séculos anteriores". Vivendas da Seca en 1961Autor descoñecido / Museo de Pontevedra "Eu nacín no barrio da Seca e practicamente vivín a Seca orixinal", con casas que normalmente daban á estrada e que por detrás tiñan fincas dedicadas ao labor do campo e do gando. Para Xosé Enrique Acuña, "todo empezou a cambiar, sobre todo desde os anos 70 en adiante". En concreto, apunta a que "as primeiras corporacións democráticas trataron moi mal á Seca e deixaron abandonadas moitas zonas: estivo a estrada da Seca totalmente rota durante anos, o Camiño Vello de Castela, que tiña unha importancia enorme, foi convertido nunha lameira durante anos e non se podía nin transitar por el", detalla. "Pero pouco a pouco as cousas foron cambiando. Uns entenderán que para ben, e posiblemente teñan razón; e outros, me entenderán que se cambiou a idiosincrasia dun lugar de Mourente chamado A Seca", remata. A actividade ao redor das Historias do barrio da Seca, conferencia e mostra fotográfica, é de carácter gratuíto, mais as persoas interesadas deben inscribirse previamente a través da sección Apúntate na web do Concello de Pontevedra.