Convocada unha concentración contra a agresión homófoba ocorrida en Benito Corbal

Wait 5 sec.

O colectivo Avante LGBT+ de Pontevedra convocou unha concentración para o vindeiro luns 11 de agosto ás 20:00 horas na Praza de España en repulsa pola agresión homófoba que sufriron dous rapaces na madrugada do pasado sábado na rúa Benito Corbal. Segundo informou a entidade, os feitos aconteceron arredor das 6:30 da mañá á altura do establecemento Mango, onde as vítimas foron agredidas ao berro de "maricóns de merda". As persoas afectadas xa presentaron a correspondente denuncia ante a Policía Nacional e, exercendo o seu dereito á intimidade, preferiron non facer pública a súa identidade nin proporcionar máis detalles sobre o sucedido. Desde a organización manifestaron a súa "máis contundente repulsa contra todo delito de odio en todas as súas manifestacións" e fixeron un chamamento a posibles testemuñas para que faciliten información sobre o acontecido a través da conta de Instagram @avantelgbtpontevedra ou do correo electrónico avantepontevedra@gmail.com. "Sentimos que Pontevedra é unha cidade acolledora coa diversidade de sexo e xénero e estas accións LGBTIQA+fóbicas, aínda que puntuais, non forman parte da cidade que queremos, merecemos e pola que traballamos arreo durante todo o ano", subliñou o colectivo no seu comunicado, animando á cidadanía a participar na concentración "contra os discursos de odio, contra a violencia diversofóbica, a favor dunha cidade segura para todas, todos e todes". Pola súa parte, o Concello de Pontevedra expresou o seu apoio á convocatoria e comprometeu a súa presenza no acto, reafirmando a súa postura de condena "contra calquera tipo de violencia que se exerza sobre as persoas e sobre calquera colectivo humano, que atente contra a diversidade e que poña en perigo a nosa sociedade". A concentración preséntase como unha mostra de solidariedade coas vítimas e como rexeitamento público a este tipo de accións.