SOS Sanidade Pública Sanxenxo alerta da "denegación" de atención en Baltar e Vilalonga por falta de médicos

Wait 5 sec.

A Plataforma SOS Sanidade Pública Sanxenxo advirte da "grave situación" que se vive nos centros de saúde de Baltar (Portonovo) e Vilalonga, atribuída á falta de persoal médico e que, segundo o colectivo, repercute directamente na calidade e igualdade da atención sanitaria. No Centro de Saúde de Baltar, sinala a plataforma, hai pacientes que chegan a agardar para ser atendidos polo seu médico de familia ata o mes de setembro. Este luns 11, aseguran, varias usuarias mostraron a súa sorpresa ao constatar que só se atende por casos graves —no PAC— mentres que, en cambio, se están a asignar citas inmediatas a persoas desprazadas que non residen habitualmente no municipio. SOS Sanidade Pública subliña que, estes días, Baltar conta con só 3 ou 4 médicos de familia por xornada, cando o habitual sería entre 8 e 10. No caso do Centro de Saúde de Vilalonga, denuncian que está a funcionar cun único médico e soamente 4 horas diarias, pese a haber asignadas dúas prazas a xornada completa. Para a plataforma, esta realidade vulnera o principio de universalidade da sanidade pública, ao facer depender o acceso á atención rápida e de calidade do centro ao que se pertence, do profesional de garda ou mesmo da condición de residencia. SOS Sanidade Pública atribúe a situación á falta de contratación por parte da Consellería de Sanidade e agrava o problema coa que considera unha política de recortes e derivacións á privada que está a deteriorar o sistema público. Desde o colectivo esíxense, de forma urxente, a cobertura inmediata de todas as prazas de persoal médico vacantes, a restitución da atención sanitaria ordinaria en todos os centros do municipio e a garantía da igualdade de acceso á atención sanitaria, independentemente da residencia ou do centro asignado. A plataforma, a través da súa presidenta Ana Fernández Camiña, remata o seu comunicado cunha advertencia: "Coa saúde non se xoga", e reclama á Xunta que cumpra a súa responsabilidade de asegurar unha sanidade pública universal, equitativa e de calidade para toda a cidadanía. Centro de Saúde de BaltarConcello de Sanxenxo - Arquivo