Detido en Ourense tras dez meses fuxido un narco implicado no alixo do chalé da avenida Bos Aires

Wait 5 sec.

A Policía Nacional de Ourense detivo o pasado venres un narco que levaba dez meses fugado da xustiza e tiña pendente sete anos de prisión pola operación Poseidón. Esa operación, que se remonta ao ano 2018, tivo como un dos seus epicentros Pontevedra, pois aínda se lembra na cidade o despregamento policial para a detención de varios narcotraficantes nun chalé da avenida Bos Aires. A operación desenvolveuna a unidade do GRECO da Policía Nacional e partiu de informacións do CTI de Colombia e a DEA Americana. Como balance, nese chalé, iforon intervidos 650 quilos de cocaína, 50.000 euros, catro vehículos, diversa documentación e varios terminais telefónicos. Trátase dunha operación liderada pola Audiencia Nacional, que condenou a este narco agora detido a sete anos de prisión. O home figuraba como fuxido desde outubro de 2024 e tiña activa unha orde de procura, detención e ingreso en prisión emitida pola sección terceira da sala do Penal da Audiencia Nacional. Esa fuga terminou o venres 8 de agosto na localidade de Coles, en Ourense, segundo confirmaron fontes oficiais da Comisaría de Ourense. Axentes do Grupo III da Brigada Provincial de Policía Xudicial desta Comisaría de Ourense procederon ao arresto e posta a disposición xudicial do detido. O home pasou polo Xulgado de Garda de Ourense, que ordenou o seu ingreso en prisión. Así foi a operación Poseidón.