Gus Andújar dará o chupinazo de saída este xoves ás festas de San Roque desde o balcón de Ravella

Wait 5 sec.

Vilagarcía entrará este xoves de cheo na celebración das Festas de San Roque coa lectura do pregón a cargo do deportista vilagarcián Gus Andújar, e o concerto da banda tributo '+dManá'. A intensa programación, que se estende ata o 24 de agosto, contempla máis de medio centenar de actividades culturais, teatrais e musicais. O alcalde, Alberto Varela, sinalou que "non hai ningún concello que teña unhas festas tan longas e completas como o noso", cun calendario "variado e descentralizado" que vai dirixido "a todos os públicos". Gustavo Andújar sairá ao balcón de Ravella ás 20:30 horas, cando se darán por inauguradas as festas patronais. Tras a lectura terá lugar a ofrenda floral a San Roque. Agrupacións sociais, culturais e musicais participarán nun desfile que culminará diante da igrexa parroquial. O percorrido sae dende o Concello, continúa polos xardíns de Ravella, rúa Ramón y Cajal, praza de Galicia, Castelao, Xeneral Pardiñas, Covadonga e finaliza en praza de España. Xa pola noite, a banda tributo '+DManá' inaugura a programación musical cunha actuación que promete ser de altura, e que comezará ás 22:00 horas na avenida da Mariña. A veterana agrupación presenta o seu novo espectáculo "¿Dónde jugarán los niños?" co que facer un viaxe no tempo e revivir os grandes himnos da historia dos reis do rock latino. Ao igual que as outras actuacións de San Roque, a entrada é libre e de balde. A música non deixará de sonar no mes de agosto. 'Intro Cover' e 'Festicultores' estarán animando as rúa o venres; 'Arousa Bay' fará o propio o sábado no Salón García; o carrilexo Cristian Silva actuará no Auditorio o domingo, que será a xornada na que a avenida da Mariña acolla a Orquestra Saudade. O luns 18, concerto lírico con Ainhoa Arteta no parque da Xunqueira; ao día seguinte será a quenda de 'Toreros Muertos'; o mércores 19 colle o relevo David Bustamante; o xoves Marlena porá a bailar ao público no parque da Xunqueira; o venres 22 actuará o galego Mondra, e a continuación farao a pincha-discos 'Señora DJ'; a noite do Combate Naval a música corre a cargo do Grupo América; e o domingo 24 actuarán as Cantareiras Bulideiras na Alameda.