A Real Federación Española de Fútbol (RFEF) confirmou este mércores a plataforma audiovisual na que poderán seguirse todos e cada un dos partidos de Primeira RFEF esta tempada. Trátase de LaLiga+, plataforma apoiada pola Liga de Fútbol Profesional. Desta forma a través de LaLiga+ emitiranse, á carta e en directo, todos os encontros de liga do Pontevedra Club de Fútbol. Farano cunha subscrición que se comercializa desde 12,99 euros ao mes, e que tamén estará dispoñible para LaLiga Bares, con licenza para a súa emisión en establecementos públicos. "Garantirá unha maior difusión a nivel nacional e unha mellora substancial na calidade das retransmisións", afirma a RFEF. Esta nova opción para seguir os partidos do Pontevedra súmase á xa desvelada anteriormente de Movistar Plus+, que emitirá dez encontros de Primeira RFEF cada xornada. Neste caso o paquete básico da plataforma ofrecerá a Primeira RFEF, entre outros contidos, cunha cota de 9,99 euros ao mes. Con estes dous lotes de dereitos audiovisuais confirmados a oferta xa só se pode completar si a Televisión de Galicia faise coa opción 3 que establecía a poxa dos citados dereitos, chegando a un acordo para emitir até tres encontros por xornada.