Dolores Barros Pérez, coñecida cariñosamente como Lola, acaba de celebrar o seu 102 aniversario mantendo unha vitalidade e unha autonomía que sorprende a propios e estraños. Esta veciña da Louriña, na parroquia de Santa María de Cuntis, recibiu no seu fogar a visita institucional do alcalde Manuel Campos e da concelleira Ana Loureiro, que lle fixeron entrega dunha placa conmemorativa desta significativa data. A visita serviu para compartir un momento de celebración coa protagonista e a súa familia, que non dubida en sinalar cal é o segredo da lonxevidade desta muller que foi a maior de doce irmáns. Segundo explica a súa filla, tamén chamada Dolores, o carácter forte e o espírito traballador da súa nai son as claves que a manteñen activa a pesar dos anos: "traballa e traballa, ela non para", asegura, engadindo que "se para, enferma". E é que Lola, aos seus 102 anos, segue realizando tarefas cotiás tanto na casa como na horta, un exemplo de fortaleza e determinación que chama a atención no municipio. Durante o encontro, a centenaria recibiu as felicitacións cun sorriso nos beizos, rodeada do agarimo dos seus familiares. O alcalde, en nome de toda a corporación municipal, quixo destacar o orgullo que supón para Cuntis contar cunha veciña coa forza e a ilusión de Dolores, a quen transmitiu os mellores desexos de saúde e felicidade para os próximos anos. Dolores Barros co alcalde de Cuntis e familiares. Concello de Cuntis