Sabor a Feira Tradicional na Carballeira de Caldas

Wait 5 sec.

A Carballeira de Caldas de Reis acolle este domingo 10 de agosto a XII Feira Tradicional, un evento promovido polo departamento de Cultura do Concello que dirixe Manuel Fariña e que supón a recuperación deste emblemático espazo natural punto central dos festexos da vila. A xornada, que comezou oficialmente ás 12:30 horas, está a encher a carballeira de música, artesanía e actividades para todos os públicos. A inauguración contou coa actuación de Os Encerellados de Campolongo, que deron paso ao pregón a cargo de Reyes Ferreiro, doutora oncóloga e unha das especialistas máis prestixiosas en España no cancro colorrectal. Ferreiro, licenciada en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela e profesional na unidade de oncoloxía dixestiva do Hospital Ramón y Cajal, emocionou aos presentes coas súas palabras. "Cada vez que regreso a Caldas sinto que podo volver, por un intre, a ser a nena que fun e que desfrutou dos baños nas praias fluviais do río", afirmou, facendo un repaso pola súa infancia e mocidade na vila participando en actividades como o campamento urbano e asistindo á Escola de Música ou a estudar á Biblioteca. Tras o pregón, o público puido gozar do concerto de F.A. Matija Gubec, de Croacia, que achegou sons internacionais á feira. Os máis pequenos tiveron a súa propia actividade co contacontos infantil a cargo de Cris de Caldas, antes de que comezase o xantar popular na Carballeira. A tarde retomou a animación co pasacalles de Os Encerellados e a actuación da Agrupación folclórica Celme de Pontevedra. A programación continuou con propostas como Hípica Celta e a actuación do grupo folclórico Valdemedel de Estremadura. Ademais das actuacións musicais e de danza, os asistentes puideron intervir en diversas actividades paralelas, como a talla con motoserra a cargo de Marcos Mariño, paseos no tren turístico, xogos populares, obradoiros infantís e un photocall. A decisión de situar a feira na Carballeira responde á intención do tenente de alcalde e concelleiro de Cultura, Manuel Fariña, de devolver a este espazo o protagonismo que tradicionalmente tivo nas festas da vila. [galleries:vertical:10661]