Podería pasar por un peregrino máis coa súa mochila ao ombreiro pero as acreditacións que leva este home revelan que está a traballar para Google Maps. Esa mochila leva varias cámaras, a máis destacada unha 360º no alto que capta as imaxes para o Google Street View, o que atrae as miradas dos curiosos. O sistema de cámara portátil está equipado con sensores de maior resolución e apertura, e mellorou dunha maneira notable a calidade das imaxes capturadas. O operador de cámara guíase grazas a un móbil que lle indica por onde debe ir. Neste caso, gravar as rúas da Boa Vila en plena Semana Grande das Festas da Peregrina resulta un reto singular pois a cidade está máis chea de xente que de costume e é fácil atoparse con algunha charanga ou algún grupo folclórico en metade do percorrido, ademais de escenarios ocupando as prazas. Por certo, ao traballador de Google Maps non lle gusta que lle fagan fotos mentres realiza o seu traballo e así llo fixo saber a quen sacaron os seus móbiles para capturar o momento. "Non me fagas fotos! Quen che deu permiso?" berráballe o operador de cámara a un transeúnte que o deixou sen resposta cando lle replicou "e quen cho deu a ti?". Tampouco faltou quen daba consellos como que indicase ben onde había escaleiras para evitar descoidos cos coches como os vividos nas Prazas de Ourense ou no Teucro. A funcionalidade de Street View leva activa desde 2007 e permite aos usuarios explorar lugares tan remotos como a Antártida ou a cima do Kilimanjaro, como informa a compañía nun comunicado. A través de vehículos e colaboradores de Google, recompiláronse máis de 170.000 millóns de imaxes de 87 países.