Aumentan os mozos de 16 a 19 anos que queren traballar na vendima, pero non é suficiente para cubrir a demanda

Wait 5 sec.

É xa un problema recorrente nos últimos anos e este 2025 volveu a repetirse. As adegas da zona do Salnés teñen dificultades para cubrir a demanda de traballadores e traballadoras para a época da vendima. A Fundación Amigos de Galicia, a través do seu servizo de orientación laboral en Vilagarcía de Arousa, xestionou até a data a contratación de 86 persoas para distintas adegas da zona, insuficientes para cubrir a demanda. Así, segundo indica a Fundación, recibiron 98 solicitudes de peóns de vendima por parte de adegas e explotacións vitivinícolas. Aproximadamente un 23 % dos contratados son persoas inmigrantes con permiso de traballo e este ano detectaron un aumento de mozos de entre 16 e 19 anos interesados en incorporarse ás cuadrillas. Esta mocidade achegn unha necesaria substitución xeneracional. No entanto, a Fundacióin indica que "este incremento non alcanza para cubrir toda a demanda prevista". Amigos de Galicia indica que entre os principais obstáculos para cubrir a demanda figura a imposibilidade de incorporación de persoas inmigrantes solicitantes de asilo ou con status de refuxiado que carecen de permiso de traballo. A iso engádese, nalgúns casos, a falta de medios de transporte para desprazarse ás leiras, restrinxindo aínda máis as súas opcións. A coincidencia de datas entre vendimas de distintas adegas é outro dos factores que dificulta a cobertura de todos os postos, xa que obriga a algúns traballadores a repartir o seu tempo entre varias explotacións. A isto súmase a intermediación de empresas de traballo temporal, que tamén recorren á Fundación para captar persoal, aumentando a competencia polos mesmos candidatos. O carácter temporal dos contratos representa outro freo, xa que pode implicar a redución ou suspensión de prestacións ou rendas mínimas, o que "disuade a potenciais interesados".