Así será a Batalla de Flores de Pontevedra: chea de personaxes televisivos

Wait 5 sec.

Este mércores terá lugar unha das citas máis esperadas das Festas da Peregrina: a Batalla de Flores. Con tal motivo o Concello de Pontevedra establece unha serie de medidas restritivas para a circulación e estacionamento durante a xornada deste 13 de agosto. A Batalla de Flores iniciarase ás 19.00 horas en Loureiro Crespo para continuar por Benito Corbal, Cobián Roffignac e Pai Amoedo até a Avenida de Bos Aires, entre a Ponte de Santiago e a dos Tirantes. Participarán a comparsa de xigantes e cabezudos Turoqua, a Charanga Solfamidas, os Gaiteiros das Rías Baixas, Dúos Pontes, un grupo folclórico de Portugal, Os Alegres, Charanga Mil9, Grupo Pola Vila, Fervellos do Pio e Os de Algures. E os grupos de animación Furia da noite (Rivel), el flautista de Hamelin (Rivel), Guacamayos (Pablo Méndez), Arlekinados (Troula), Brain Rot (Barafunda), Expresso Macchiato (Rivel), O Mundo do Circo (Troula), Psychodelia (Troula), Fantasía (Pablo Méndez) e a Anaconda do Lérez (Barafunda). E oito carrozas, coa Pantera Rosa, a Sirenita, Cars, Nemo, Madagascar, Doraemon, Lilo e Stich e Flamencos. As rúas afectadas son a avenida de Lugo, entre Avenida Virxinia Pereira e Loureiro Crespo; San Amaro, entre a avenida Virxinia Pereira e Loureiro Crespo; a rúa Loureiro Crespo; Benito Corbal; Cobián Roffignac; Pai Amoedo e a avenida de Bos Aires, entre a ponte de Santiago e a ponte dos Tirantes con restricións só circulatorias ao termo da cabalgata. Nun tramo da avenida de Lugo e San Mauro non se poderá aparcar a partir das 13.30 horas do martes 13 e prohibirase a circulación e o acceso á saída dos garaxes a partir das 16.00 horas. A partir das 16.00 horas, a Policía Local procederá a pechar a área de concentración das carrozas e grupos de animación, que será na Rúa de San Amaro, entre Loureiro Crespo e Virxinia Pereira, e tamén o tramo da Avenida de Lugo entre Loureiro Crespo e Virxinia Pereira. As rúas Loureiro Crespo, Benito Corbal, Cobián Roffignac e Pai Amoedo quedarán cortadas ao tráfico a partir das 18:00 horas incluíndo tamén as rúas perpendiculares ao percorrido da Batalla de Flores. Para acceder a urxencias do Hospital Provincial haberá que percorrer San Antoniño, Gonzalo Gallas e Loureiro Crespo. Para aproximarse ás urxencias do Hospital Quirón Saúde Miguel Domínguez, o acceso deberá efectuarse a través de Andrés Mellado, Sagasta (en sentido contrario) e Castelao. A Batalla de Flores comezará sen música e outros sons de alto volume desde a súa saída até a rotonda da Pasarela co obxectivo de ofrecer así unhas festas máis diversas e inclusivas, pensando especialmente nas persoas con trastorno do espectro autista (TEA).