O ciclo Itineranta regresou este mércores ás rúas de Pontevedra. Na que xa é a súa 14ª edición, Itineranta encheu o casco histórico cos primeiros tres espectáculos dos dez que están previstos. Este ciclo promovido polo Concello de Pontevedra dentro do programa das Festas de Verán, e coordinado e dirixido por Troula, xa é unha cita ineludible do verán pontevedrés. A programación comezou coas compañías: Almozandia Teatro (Zaragoza), Tchyminigagua (Bogotá-Colombia) e Producciones Scura (Vila Real). Ás 20:00 horas, púxose en marcha o espectáculo 'Los aguadores', de Almozandia Teatro, co que percorreron a Avenida de Santa María baixando ata o Liceo Casino ata rematar na Praza de Curros Enríquez. Nesta actuación un equipo de valentes axentes loitaron por protexer a auga, un tesouro vital, enfrontándose aos tres archienimigos do planeta: Plásticum, o contaminador; Petróleum, o destrutor; e Vertidius Asquerosus, o que viste de desfeitos. Xuntos, e coa axuda do público, tiveron que superar obstáculos e desafíos para salvar a agua e restaurar o equilibrio do planeta. Unha hora máis tarde, ás nove da noite saíron do Teatro Principal os 'Chimizayaguas', que tamén pasaron por Curros Enríquez e a Praza da Ferrería. Tchyminigagua é o deus da creación da sabana andina de Bogotá. Con este nome leva esta compañía 40 anos de actividade cultural e social. Neste espectáculo presentáronse aves ancestrais moi coloridas da zona como guacamaios, cóndores ou colibrís cun rechamante vestiario. As personaxes voaban sobre zancos en patíns acompañados da música ao vivo de ventos e percusión; Tchyminigagua son coñecidos por ser a compañía inventora dos zancos en patíns, unha disciplina única e espectacular. Unha mensaxe medioambiental implícita para un espectáculo popular, cunha linguaxe festiva de enerxía, ritmo e ledicia. E, por último, ás 22:00 horas, foi a quenda de 'Alien's Foc', cun espectáculo pirotécnico que encheu de son e luz as prazas de Curros Enríquez, Ferrería, Peregrina e a Praza de España. [galleries:vertical:10593]