Co obxectivo de detectar e minimizar as perdas de auga así como mellorar o funcionamento global, o Concello de Ribadumia está a realizar unha auditoría da rede municipal de abastecemento. Esta revisión contempla unha inspección exhaustiva da rede para localizar e identificar fugas, determinar a súa orixe e propor solucións técnicas que eviten a súa repetición. Así mesmo, revisarase a existencia de puntos de consumo ilegais ou sen contador, incorporando todos estes datos ao sistema de información xeográfica municipal. O proxecto tamén permitirá elaborar un plan detallado de actuacións, cun calendario que priorizará aquelas intervencións que resulten máis eficaces para reducir as perdas. Ademais incluirá unha valoración do investimento necesario para as renovacións de rede, instalacións de valvulería complementaria, sectorización e melloras nos sistemas de control. O orzamento destes traballos ascende a un total de 15.488 euros, sendo financiados parcialmente a través de Augas de Galicia cunha achega de 10.560 euros. Dende o goberno local sinalan que con esta actuación, "Ribadumia avanza na súa estratexia de optimización da rede municipal de auga, apostando por modernizar as infraestruturas". Esta auditoría é un "paso indispensable" para garantir un servizo de abastecemento "eficiente e sostible", destaca o Concello, "nun contexto no que o control do consumo de recursos hídricos resulta cada vez máis prioritario".