Ponte Caldelas quere resolver "con responsabilidade e sentido común" o enfrontamento con Pontevedra pola auga. "Non o provocamos nós pero si o queremos solucionar", afirma o alcalde, Andrés Díaz. E para iso vén de presentar unha proposta formal para asinar un novo convenio. Así, Díaz ofrece firmar de maneira "inmediata" un acordo que fixe as condicións do subministro de auga a Ponte Caldelas por parte de Pontevedra. Iso si, con certas condicións. O pacto que propón fixaría o prezo do metro cúbico de auga en 0,22 euros, a cantidade que establece o estudo de Augas de Galicia para a futura mancomunidade de auga do Lérez e que, segundo o alcalde, "é superior ao que pagan actualmente concellos como Poio ou Sanxenxo". Isto, sostén Andrés Díaz, "evidencia a boa fe e a vontade de diálogo" do goberno municipal de Ponte Caldelas para alcanzar un acordo "xusto" para ambas partes. Ademais, Ponte Caldelas reclama a eliminación da taxa de saneamento, xa que asumen integramente ese servizo co custo do bombeo, enerxía e mantemento que remata na EDAR de Placeres e sobre o que xa recibe liquidacións por parte de Augas de Galicia. Se Pontevedra acepta esta proposta, Díaz comprométese a pagar "mañá mesmo" a débeda acumulada nos catro anos sen convenio que regule a subministración de auga e que, calculada a eses 0,22 euros por metro cúbico, sería uns 137.000 euros. "Queremos un convenio xusto, como o que teñen outros concellos. Queremos pagar o que é xusto, nin un euro máis. E queremos garantir a auga para a nosa veciñanza, sen depender do capricho político de ninguén", declarou o alcalde. O rexedor caldelán recorda que Pontevedra ten caducada a súa concesión para captar auga do río Lérez e que extrae puntualmente auga do encoro do Pontillón do Castro sen ter unha concesión autorizada, polo que "carece de lexitimidade para esixir condicións abusivas". Sostén que o abastecemento de auga "non pode ser interrompido de forma unilateral, nin sequera por impago e moito menos por un conflito entre administracións públicas" Durante os cinco anos de vixencia do anterior convenio, Ponte Caldelas pagou "relixiosamente" cada factura, recordou Andrés Díaz, a pesar de que se lles tratara "como unha empresa máis do polígono do Campiño", o que supuxo un sobrecusto duns 600.000 euros. A pesar diso, engade Díaz, Ponte Caldelas defende unha solución "dialogada, técnica, legal e xusta", pero advirte que non aceptará "chantaxes nin imposicións". A este respecto, o alcalde avanzou que solicitou formalmente a mediación de Augas de Galicia e da Xunta de Galicia para que actúen como garantes deste servizo público esencial.