A oficina de Correos de Arcade incorpora un punto 24 horas para recoller paquetería

Wait 5 sec.

Xa non será necesario andar pedindo favores aos veciños ou quedar esperando en casa a que chegue o repartidor. A oficina de Correos de Arcade incorporou un terminal 24 horas para que os cidadáns poidan recoller os seus paquetes cando lles resulte máis conveniente. No local da rúa Illas Alvedosas, o servizo de Correos instalou tres módulos de caixas de correos Citypaq, unhas taquillas intelixentes que permiten recibir e devolver envíos. Con esta mellora, os veciños que poñan a Correos como punto de recepción da súa paquetería xa non teñen que acudir no horario de atención ao público, xa que estas caixas de correos están accesibles as 24 horas do día, os 7 días da semana. Os dispositivos Citypaq son un servizo rápido e sinxelo co que Correos pretende facilitar a recollida ou a devolución das compras online. O cliente, no canto de pór a súa dirección particular, indica a taquilla omo punto de entrega e Correos avísalle ao seu móbil cando o paquete está depositado. O envío esperará no casilleiro a que o usuario vaia buscalo no momento que mellor lle veña. Estas caixas de correos intelixentes tamén permiten realizar devolucións. A oficina de Arcade, ademais de ofrecer os tradicionais envíos e recollidas de correspondencia e paquetería, ofrece solucións financeiras como a retirada de efectivo ou cambio de divisas, a realización de trámites para as administracións públicas, a contratación de seguros de AXA, o pago de recibos, as xestións coa DXT ou a venda de produtos e servizos doutras empresas.