O Arosa xa sabe quen será ao seu primeiro rival na previa da Copa Federación. Será un vello coñecido que fará que o encontro sexa espacialmente siginificativo, xa que o Alondras foi o equipo co conxunto arlequinó despediu a tempada pasada e contra o que iniciará a nova. A eliminatoria inicial disputarase o sábado 9 de agosto no Estadio Municipal A Lomba, en horario aínda por confirmar. A outra eliminatoria medirá á Gran Pena co Coruxo. Doutra banda, o Arosa confirmou que dará inicio aos adestramentos de pretemporada o vindeiro luns 28 de xullo ás 10:30 horas no Campo de Fútbol Manuel Jiménez. Durante as seis semanas previas ao comezo oficial da competición, o Arosa SC ten previsto disputar un total de oito partidos de preparación para chegar en óptimas condicións ao debut copeiro e ao comezo da liga. CONTINÚAN OS MOVEMENTOS NO PLANTEL Ao longo desta semana, o club tamén confirmou que o seu capitán, Carlos Pacheco, continuará unha tempada máis co Arosa SC, sumando así a súa sexta campaña vestindo a elástica do equipo. Para el, esta decisión simboliza "compromiso, sacrificio e fidelidade a este escudo, a esta cidade, a estas cores e, sobre todo, a toda a xente que rodea ao club". O futbolista expresou o seu profundo agradecemento polo apoio recibido ao longo dos anos e manifestou a súa satisfacción coa ambición do proxecto deportivo do club. Por último, afirmou que "non podía permitirme despois de todos estes anos quedarme coa sensación agridoce da tempada pasada". O que tamén continuará no Arosa, aínda que esta vez militando no primeiro equipo, será o mozo dianteiro Alejandro Seijo ao finalizar a súa etapa de xuvenil. Tras anos de formación na canteira arlequinada, Seijo, quen do mesmo xeito que Sindo chegou ao club en categoría infantil, expresou a súa alegría por este salto. Definiuse como "un dianteiro traballador que o deixa todo no campo" e recoñeceu que afronta esta nova etapa no fútbol sénior con "compromiso, ilusión e responsabilidade". Finalmente, o que di adeus a once anos no club é David Conde. "Despois de moitísimas alegrías e moitísima aprendizaxe toca despedirse. Estea onde estea, o Arosa sempre vai ser a miña casa", manifestou o porteiro de Catoira.