Seres indóMITOs: Blanca Ana García

Wait 5 sec.

Próxima, incansable e profundamente humana, Blanca Ana García non precisa discursos grandilocuentes para deixar pegada: faino con cada xesto, con cada palabra, con esa forma súa —tan súa— de estar presente, de escoitar de verdade, de facer que os demais se sintan acompañados, coidados, arroupados. Á fronte da AECC en Pontevedra, Ana transformou a asociación nun refuxio de calor e dignidade para quen atravesa un dos momentos máis duros da vida. Doentes, familiares, voluntariado, profesionais... todos atopan nela un faro constante. E non só polos servizos que impulsa —como ese imprescindible teléfono 24 horas, que nunca se apaga e sempre responde— senón porque detrás de todo está a súa mirada, o seu compromiso, o seu corazón xeneroso e esa capacidade de traballo que semella non ter límites, como a do marabilloso equipo que a acompaña. Ana é unha desas persoas que fan o mundo máis habitable sen necesidade de facerse notar. Unha muller admirable, discreta, luminosa, que deixa unha estela de humanidade alá por onde pasa. Tela de amiga é un privilexio. E poder dicilo, tamén. - Dime unha pregunta que non che guste que che fagan. Ningunha. Desde que presido AECC Pontevedra incluso ás veces fánme preguntas moi directas sobre o cancro, e eu respondo con total franqueza. As cousas polo seu nome. - Como é a túa relación con Pontevedra? De nacemento. Marchei estudar fóra, primeiro a Santiago e logo a Madrid, pero volvín en canto puiden. Creo que é unha cidade na que para quedares a vivir primeiro tes que ter marchado fóra, a airearte (risas). Como contrapartida, é unha cidade moi de corrillos... e nunca me gustou participar niso. - Como te definirías? Muller traballadora, extrovertida e sobre todo afortunada, primeiro coa familia e na actualidade co marabilloso equipo co que traballo na asociación. - A que xeración pertences? Pertenzo á xeración do baby-boom, ademais estou encantada coa idade que teño. - Cales dirías que son as características desa xeración? Pois creo que herdamos parte desa ética que vimos na xeración dos nosos pais onde se valoraba a palabra dada e os principios. Logo, evidentemente, non pasamos as penurias que tiveron que padecer eles, afortunadamente. Ademais, soubemos adaptarnos razoablemente ben aos cambios que foron chegando. - Como foi o proceso ata chegar á presidencia da AECC na provincia? Pois abraiante. Un día recibín un correo no que me comentaban que estaban a buscar a alguén para dirixir unha actividade sen ánimo de lucro, non sabía que era a AECC, e que viran o meu perfil e lles interesara. Eu acababa de xubilarme e quería dedicarme ao bridge (risas) e non estaba nos meus plans algo parecido, polo que lles dixen que non, aínda que engadín que se precisaban a alguén para colaborar en Pontevedra que me prestaba. Tras ese correo, xa foron chegando as chamadas, as entrevistas por videochamada e o proceso de selección, xa que había outros dous candidatos. - E cando o "non" se converteu nun "si"? No medio de todo ese proceso. Por unha banda, a miña familia apoioume moito, e por outra, cautivoume a impresionante labor que fai a asociación, absolutamente gratuíta, como me gusta recalcar, e o incribelmente ben organizado que estaba todo. A organización de AECC España é impresionante, e a capacitación do equipo asombrosa. Mesmo en Pontevedra, teño unha sorte enorme cos meus compañeiros-as. - Se tiveses que destacar un par de datos sobre a AECC, cales serían? Por unha banda, o 8%, que é a cantidade de diñeiro que recibimos das institucións. Fronte ao que unha maioría da xente pensa, a inmensa maioría dos nosos fondos fixos provén dos nosos socios, de aí a necesidade que temos de seguir sumando, por pequenas que sexan as achegas. A solidariedade é moi importante. Por outra banda, a probabilidade de ter cancro nalgún momento da vida: un de cada 3 homes e un de cada dúas mulleres terán cancro ao longo da súa vida. É unha loita común. - Que é a amizade? Pois diríache que teño poucos "AMIGOS", en maiúsculas. É estar aí cando te precisan e rir cando se pode. Que veñen mal dadas? Pois intentemos sacarlle o lado positivo. - Se puideses viaxar no tempo, irías ao pasado ou ao futuro? Pois do pasado non me chama nada, e do futuro... non me fío. Creo que non viaxaría no tempo! (risas) - Unha parte da túa casa que che apeteza intervir? A miña casa está en constante cambio, sempre se me ocorren cousas. - Dime unha canción que te emocione. Jerusalema, motívame moitísimo. Outra que me fai moi feliz é Bailando, de Enrique Iglesias. - Frío ou calor? Frío - Que hai despois da vida? Nada - O último capricho que te deras? Irme a un campionato de bridge ao Porto de Santa María. - Cando dixeches por última vez "quérote"? A quen? Dígoo moitísimo e ademais dígoo porque o sinto, non de forma automática. - A quen che gustaría ver nesta sección? Ao meu fillo, Rafa Latorre. - E por último, que vas facer en canto remate esta entrevista? Pois esta tarde xogarei ao Bridge. Para Ana, Pontevedra sabe a vida, cheira a rúa, é de cor azul e soa a silencio. Definitivamente, Ana García sente Pontevedra. Blanca Ana García na sede da AECC PontevedraGuillermo M. Meijón-Corujo O CUESTIONARIO − Nunca saio da casa sen... o meu móbil. − Na miña neveira sempre hai... iogures. − No meu armario destacan... os pantalóns. − A idade é... acurtar os teus retos. − Sempre fun o ollo dereito de... miña nai, sen dúbida ningunha. − Pontevedra ten alma de... cidade apracible. − Creo en... (algunhas) persoas. − O ano que marcou a miña vida foi... cando naceron os meus fillos. − O mellor regalo que me poden facer é... unha viaxe. − O meu lugar no mundo é... un aínda por descubrir. − Se non puidese vivir en Pontevedra viviría en... San Sebastián. − O meu momento favorito do día é... a cea. − Pontevedra... a miña cidade. Blanca Ana García, presidenta da AECC Pontevedra no Día Mundial contra o CancroMónica Patxot