Asinado o convenio con penaltis para renovar o céspede da Xunqueira

Wait 5 sec.

A 'ceros' quedaron o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Ambos políticos lanzáronse uns penaltis, a petición de Cristina Saiz, fotógrafa de PontevedraViva, tras a firma de dous convenios entre ambas administracións. "Eu sempre para a dereita" avanzaba con retranca Luís López sobre a intención do seu disparo que tirou raso e por fóra. "Eu sempre para a esquerda" replicaba Lores. "Pero para a túa ou a miña?" preguntaba o mandatario provincial "ai, esa é a complicación", chanceou o alcalde xutando frouxo e ao centro, sen problemas para o gardamallas de Rodeiro. Penaltis A divertida escena tivo lugar no campo de fútbol 8 Manolo Barreiro, na Xunqueira, onde se instalaron unhas mesas para proceder á sinatura de dous convenios entre a Deputación e o Concello para acometer unha serie de actuacións que serán financiadas na súa totalidade pola institución provincial. O convenio coa maior dotación económica, dotado con 210.540 euros, irá dirixido a financiar integramente o proxecto de actualización do Sistema de Xestión da Base de Datos Corporativa do Concello. O presidente provincial explicou que o obxectivo desta actuación, entre outras cuestións, é garantir unha maior eficiencia e seguridade na administración electrónica municipal e optimizar a prestación dos servizos públicos. O segundo convenio ascende a 143.000 euros. Estes recursos provinciais servirán para financiar, tamén integramente, a renovación do céspede artificial nos dous campos de fútbol 8 do Centro Municipal de Fútbol Manolo Barreiro, retirando o céspede actual e substituíndoo por un novo de última xeración e mellores prestacións. Luís López enmarcou estes acordos en "outra mostra de que máis aló das cores políticas e das lícitas discrepancias á hora de gobernar, poñemos por encima de todo o benestar dos veciños e outorgar os mellores servizos e mellorar a súa calidade de vida". "Se hai discrepancias, pois as solucionamos. Que hai obstáculos, superámolos", afirmou o presidente. "As metas camiñando xuntos alcánzanse" e reiterou a importancia de traballar "desde a colaboración e a institucionalidad leal". CAMPOS DE FÚTBOL Pola súa banda o alcalde detallou que os campos de herba sintética da Xunqueira "úsanse moito" e "necesitan melloras". Lores fixo un repaso do "esforzo importante" que o Concello fixo nos últimos anos para "dotar de campos de herba sintética ao rural" en parroquias como Cerponzóns, Campañó, Santa María de Xeve, Ponte Sampaio, Salcedo ou Marcón. Ademais lembrou o compromiso de actuar nos campos de Monte Porreiro, de fútbol 11 e de Rugby, "que tamén se mellorará este ano, se pode ser, ou a primeiros do ano que vén". Pero "indiscutiblemente" asegurou que "xa lle toca" a estes campos da Xunqueira. Un investimento "necesario e imprescindible", dixo, para a que o goberno local tamén impulsou a última modificación de crédito. Entre outras actuacións renovaranse varias zonas e habilitaranse vestiarios femininos. Lores avanzou que o goberno local pretende resolver, polo menos en parte, os problemas de espazo que sofren os clubs deportivos que desenvolven a súa actividade no centro urbano. O Concello de Pontevedra encargou á firma Santos e Mera Arquitectura un estudo técnico para a renovación integral do campo de fútbol do CEIP A Xunqueira 2 e tamén do seu pavillón, considerado como unha instalación prioritaria pola súa localización. Suporía a instalación de herba artificial no campo de fútbol e a renovación do pavillón, En concreto a idea dos responsables municipais pasa pola creación de vestiarios propios na zona destas instalacións que mira cara ao pavillón Multiusos e o segundo campo do complexo Manolo Barreiro da Xunqueira, polo que se habilitaría unha entrada ao novo complexo para que non sexa necesario acceder polo centro educativo. [galleries:vertical:10592]