O Festival BIGSOUND xerou un retorno económico estimado en Pontevedra de 14 millóns de euros, segundo os datos da empresa promotora do evento facilitados este luns polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. O festival de música urbana esgotou as entradas antes de abrir o recinto de Tafisa reunindo a 35.000 persoas entre os dous días de concertos. Ademais, máis de 1.300 persoas traballaron na montaxe e realización destes concertos. A organización do evento xa anunciou que o BIGSOUND repetirá o próximo ano en Pontevedra, serán os días 17 e 18 de xullo, e desde este martes 15 de xullo salguen en preventa os primeiros abonos para o 2026 a un prezo a partir dos 42 euros. "Nós estamos encantados. Sempre dicimos que quen vén a Pontevedra repite" comentou o alcalde este luns nunha rolda de prensa na que valorou como "todo un éxito" o arranque "impresionante" das festas de verán na capital da provincia. Lores estendeu esta valoración ás convocatorias do Multisport de tríatlon, ao concerto de Jennifer López, mesmo á promoción de Pontevedra en Tenerife con motivo da próxima Gala de entrega dos Premios Feroz. Un "éxito" que, segundo recalcou o alcalde, "non ocorre por casualidade" senón porque "hai un traballo incrible" por parte do Concello de Pontevedra "e de moita máis xente implicada" encomiando o traballo colectivo que permitiu gozar de tantas actividades de distinta índole en apenas 20 días. Ademais destacou que a Boa Vila "é unha cidade moi atractiva, acolledora e dinámica". O alcalde tamén dirixiu un "agradecemento especial" á "colaboración e paciencia dos veciños de Tafisa" polas molestias xerases polos eventos deportivos e festivos e reiterou "o compromiso de que unha vez que rematou todo se vai a deixar todo no mellor estado posible". Por último, o alcalde lembrou que aínda "queda moito que gozar durante este verán en Pontevedra".