O Concello de Caldas de Reis vén de recibir este xoves toda a documentación sobre o proxecto do ramal que conectará as estradas N-550 e N-640, coñecida coma Variante Oeste. Esta infraestrutura está deseñada polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible co obxectivo de reducir de xeito drástico o volumen de circulación de vehículos que atravesa o núcleo da vila termal, especialmente no que se refire ao tráfico pesado. O alcalde, Jacobo Pérez, e os técnicos municipais fixeron unha primeira revisión da documentación remitida polo Goberno central. O rexedor socialista adiantou que o Concello está pendente de manter unha reunión co subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, que xa foi solicitada para analizar con máis detalle un proxecto "ambicioso e complexo", que resulta "chave para a seguridade viaria na vila". "Estamos a falar dunha obra moi importante, que suporá un antes e un despois para o noso municipio e que porá solución á necesidade de habilitar un desvío que servirá especialmente para evitar que o tráfico pesado teña que adentrase no centro de Caldas", indicou Pérez. O alcalde sinala que este ramal, que contará con 8 quilómetros de extensión, servirá para completar a circunvalación de Caldas de Reis. Pérez Gulín tamén quixo expresar o seu agradecemento ao Ministerio por ter en conta unha das peticións realizadas polo Concello cando se iniciou toda a tramitación correspondente a este proxecto, como foi a dotación dunha parada na estrada con Portas. "Foi algo que solicitamos cando se estaba cos estudos iniciais e para nós é moi importante que se inclúa na actuación", explicou o alcalde, que confía en que a reunión co subdelegado poida celebrarse o antes posible.