Este luns, 14 de xullo, chega a nova cita anual de Pontevedra cos monicreques. Arranca o ciclo Titirivedra, que terá actuacións diarias ata o sábado 19. Este ano trae novidades, pois, despois de anos centrado na infancia e nas familias, tamén contará con espectáculos para adultos. Esas actuacións de adultos celebraranse na praza do Teucro da man de Teatro Arbolé e Títeres Alakrán. Unha delas será este mesmo luns, co espectáculo 'Trigedias de Amor y Cuernos' de Teatro Arbolé ás 22.00 horas. Este luns, ademais, ás 19.00 horas, abrirá o ciclo na Alameda 'Mamulengo Capiroto', de Lafontana Formas Animadas. Este martes 15, ás 19.00 horas os monicreques volverán á Alameda con 'Palhinhas a História de um Espantalho', de Krisálida Teatro. Tamén haberá sesión dobre este martes, con cita ás 22.00 horas para os adultos no Teucro con 'O Ferreiro e o Diaño', de Títeres Alakrán. O mércores 16, a cita será ás 19.00 horas na Alameda con 'A Cuba', de Títeres Alakrán. O xoves 17, repetirán na Alameda ás 19.00 horas con 'A Toupiña que quería saber quen lle fixera iso na cabeza', de A Xanela do Maxín. O venres 18, tamén na Alameda ás 19.00, estará Trécola co espectáculo 'The Piccole Theatre'. O ciclo rematará o sábado 19 con Títeres Cachirulo. Ás 19.00 horas representrará na Alameda 'Pinocho'. Como toda a programación do verán promovida e organizada polo Concello de Pontevedra, Titirivedra é totalmente de balde.